O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acollerá este martes 1 de abril a gala de entrega do XIII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, dotado con 30.000 euros, á doutora Manuela Gago Domínguez e do VI Premio a Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros, á doutora Noelia Tarazona Llavero.
Máis dun centenar de autoridades confirmaron a súa asistencia ao acto que estará presidido, un ano máis, polo xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda. Con el estarán na mesa presidencial, ademais das premiadas e do conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño, os presidentes do Xurado, o doutor Rafael López e o empresario e mecenas Ramiro Carregal.

A investigadora galega Manuela Gago Domínguez é líder do Grupo de Xenética e Epidemioloxía do Cáncro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde traballa actualmente nun Proxecto de Medicina de Precisión de Cribado Personalizado do Cancro de Mama. Graduada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a doutora Gago realizou o seu doutoramento na Universidade de California (UCLA). Posteriormente incorporouse á Facultade de Medicina da Universidade do Sur de California e foi membro asociado do Norris Comprehensive Cancer Center de Los Ángeles. O seu traballo de investigación céntrase en abordar a susceptibilidade ao cancro a través de todo o continuum da doenza, desde a súa etioloxía ata a súa supervivencia mediante a medicina de precisión. Liderou proxectos financiados por institucións tan respectadas como o Instituto Nacional do Cancro de EE. UU. e o ISCIII de España.
As súas contribucións científicas máis sinaladas céntranse nas estratexias da medicina de precisión e na investigación oncolóxica xenética, incluíndo o descubrimento de novos xenes/variantes xenéticas de susceptibilidade ao cancro de mama, vexiga, próstata, colorrectal, leucemia linfoblástica aguda, linfoma de Hodgkin e mieloma múltiple. Estes resultados brindan información crucial acerca da susceptibilidade xenética ao cancro e melloraron o uso de ferramentas de risco para a detección e prevención individualizada do cancro de mama e outros tumores. Tamén descubriu o vínculo xenético entre os químicos arilaminas, usados habitualmente en cosméticos, e o cancro de vexiga; a identificación dun novo mecanismo molecular para o cancro de ril e o esclarecemento de novas vías moleculares no cancro de mama. A doutora Gago tamén ten identificado biomarcadores de diagnóstico precoz do cancro de mama, publicando a primeira evidencia en humanos do aumento do risco con niveis elevados de neutrófilos e a relación neutrófilos a linfocitos (NLR), e tamén da asociación da encima lipasa plasmática cun maior risco de padecer esta enfermidade.
Pola súa banda, a doutora Noelia Tarazona traballa no Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Valencia e é investigadora do Instituto de Investigación Biomédica INCLIVA. O seu traballo foi pioneiro na implementación de biopsia líquida para a deteción da enfermidade mínima residual en cancro colorrectal, con impacto directo na personalización de tratamentos. A súa traxectoria combina excelencia na práctica clínica e na investigación, sendo pioneira na implementación da biopsia líquida para a detección da enfermidade a miñánima residual (EMR) en cancro colorrectal. Este enfoque abriu novas oportunidades na medicina personalizada, mellorando a detección precoz de recaídas e optimizando os tratamentos adxuvantes en pacientes con cancro localizado.
O seu labor foi recoñecido por múltiples entidades, liderando proxectos financiados por organizacións de prestixio como o Instituto de Saúde Carlos III, SEOM, Mutua Madrileña, Gilead e AECC. Además, contribuíu activamente ao fortalecemento da rede de investigación en oncoloxía en España, a través da súa participación en CIBERONC e a creación de módulos de traballo en biopsia líquida.