O accidente tivo lugar arredor das once e cuarto da noite de onte no cruzamento das rúas Alfredo Brañas e República do Salvador

Un repartidor de comida a domicilio, de 29 anos, faleceu a pasada noite en Santiago de Compostela tras sufrir un grave accidente de tráfico. O sinistro tivo lugar arredor das 23:15 horas no cruzamento das rúas Alfredo Brañas e República do Salvador, onde a moto que conducía chocou contra outro vehículo de repartición.
Os servizos de emerxencia trasladaron de inmediato ao mozo ao Hospital Clínico da cidade, onde foi intervido cirurxicamente durante varias horas. Con todo, debido á gravidade do traumatismo torácico sufrido, os médicos non puideron salvarlle a vida, segundo informaron fontes sanitarias.
Pola súa banda, o outro motorista implicado no accidente resultou ferido leve. As autoridades están investigando as causas do suceso.




