O Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son) acolle este venres 28 de marzo a celebración do Campionato Escolar Provincial de Cros, organizado pola Agrupación Deportiva Escolar “As Rías”, o Concello e a Xunta no marco do programa Xogade.
Para quen non o saiba, o Cros Escolar é un deporte que consiste en que a a rapazada corra unha carreira na que se atravesan diferentes terreos, principalmente en plena natureza, como no caso da proba sonense deste venres no Campamento Virxe do Loreto. Esta actividade, ademais de fomentar a práctica deportiva, promove valores como a deportividade e a competencia sa.
Por certo que aproveitando a presenza e alumnado de moi diferentes idades e da reivindicación dos hábitos saudábeis, a Consellería de Mar achegará un dos seus foodtrucks da campaña Galicia sabe aMar para reivindicar o consumo de peixes e mariscos dos nosos barcos e das nosas lonxas entre a rapazada.





