
Dende o Camiño da Ría de Muros-Noia seguen a chegar novidades editoriais, logo da estrea en xaneiro do primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría da Estrela: Tu camino está en el mar. Peregrinacións marítimas 2025, chega agora a primeira guía escrita sobre esta ruta xacobea baixo o nome de: El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia, de Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos no Camiño de Santiago.
O libro de Pombo está centrado no itinerario por terra desta ruta, pois a guía recompila os itinerarios das distintas etapas desta ruta xacobea e achega consellos e informacións de interese para facilitar e facer máis especial a experiencia dos e das peregrinas que o percorren.

Cómpre salientar a especial vinculación de Antón Pombo co Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, como amosa o feito de que a proposta de etapas recollida na web deste camiño foi elaborada por el, con saída tanto de Muros como de Porto do Son, e que pola súa curta lonxitude e o seu suave perfil configúrase como unha opción moi recomendada para persoas que non dispoñan de moito tempo pero que desexen realizar un Camiño de Santiago completo. Un trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio logo de varios anos de investigación e que percorre os municipios de: Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela.
Indo á guía El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia, dicir que foi editada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, co apoio do GALP Costa Sostíbel. Será presentada de xeito oficial o luns 31 de marzo, ás 12 horas, na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Santiago Freire; o director da Fundación da Catedral, Daniel Lorenzo e o propio autor, Antón Pombo. Engadir que antes das súas intervencións, as persoas asistentes terán a oportunidade de ver o documental O Camiño esquecido, no que investigadores e científicos debullan os fitos históricos nos que se basea a historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia. Os e as asistentes á presentación serán agasallados con cadansúa guía e máis adiante todas as persoas que desexen un exemplar poderán obtelo de balde a través do sitio web do Camiño da Ría Muros Noia.
Con respecto a Antón Pombo, sinalar que ten percorrido en numerosas ocasións as distintas rutas xacobeas e está considerado como unha das máximas autoridades en España sobre esta temática.
Leva arredor de trinta anos publicando guías como esta con Anaya Touring e é o autor que máis exemplares ten vendido sobre o Camiño. Pombo percorre todos os anos as distintas etapas dos Camiños para manter actualizadas as súas guías. Engadir que participou na presentación da
Volta de Gloria, o pasado mes de xaneiro en FITUR, sendo o responsábel da delimitación deste itinerario turístico, o primeiro que une dous camiños xacobeos, xunto con José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra.



