
A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal promove un obradoiro de conciliación para a época da Semana Santa, co afán de seguir facilitando que nos fogares sexa posíbel compatibilizar a vida persoal e laboral en tempo de vacacións. Nesta liña, a edil da Igualdade, Estefanía Ramos Olveira, resaltou “a importancia de deseñar políticas públicas encamiñadas a favorecer os dereitos da conciliación como unha das formas que favorezan a consecución da igualdade entre mulleres e homes”.
Este servizo estará activo dende 14 deica 21 de abril, coincidindo cos días laborais non lectivos, e desenvolverase nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras, dende as 09.00 ata as 14.00 horas. Disporase, a maiores, das opcións dos servizos de Madruga e Comedor, dos cales cómpre consultar as condicións.
O importe total estabelécese nos 20 euros por nena/neno, pero aplicaráselle un desconto do 50 % á segunda irmá ou irmán e será de balde para a/o terceira/o.
As inscricións efectuaranse a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á Casa do Concello, no teléfono de contacto 981832764, coa extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal. A data límite para formalizar o trámite estabelécese no 9 de abril.
Esta proposta atópase ó abeiro do Plan Corresponsables co-financiado polo Ministerio da Igualdade.
Dende o 14 até o 21 de abril
Dende o 14 de abril ata o luns 21 de abril incluído, vaise desenvolver no CEP Salustiano Rey Eiras o obradoiro de conciliación de abril. É un espazo de conciliación que coincide cos días non lectivos, pero laborais, e está dirixido ás familias que necesiten compatibilizar a súa vida laboral, persoal e familiar e que teñan fillas e fillos escolarizados/as con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos de idade.
O horario deste obradoiro é das 09:00 h ás 14:00 h e, coma sempre, estará habilitado o Servizo de Madruga e o Servizo de Comedor para aquelas familias que por cuestións persoais ou laborais o necesitaren.
Aquelas familias que desexaren formalizar a inscrición poderán facela por dúas vías: a través da sede electrónica do Concello da Pobra do Caramiñal ou acudindo ó Servizo da Igualdade, que é fronte á casa do concello. Para calquera dúbida, cómpre chamar ó 981 83 27 64 (ext. 6) ou escribir un correo a igualdade@apobra.gal.




