Este martes 25 de marzo celebrouse a clausura do Galicia Fórum Gastronómico no recinto de ExpoCoruña, que contou con máis de 200 expositores e superou os 25.000 asistentes durante as tres xornadas do evento. Un dos momentos álxidos do foro foi a entrega dos Premios Picadillo 2025, que recoñeceron a traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsábeis de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega. Entre os establecementos distinguidos con este importante recoñecemento atopábase unha empresa histórica de Ribeira e do Barbanza: a Panadería Charlín, Premio ás Panaderías Históricas de Galicia xunto con outros sete fornos da nosa terra.
O premio á Panadería Sieira Charlín, fundada en 1884 e rexentada durante décadas no barrio das Carolinas por Antonio Sieira Vidal, “Tucho Charlín”, e hoxe en día nas mans dos seus fillos (Sefi e Toño) e netos (Teresa e Luis), foi recollido por Sefi Sieira, e polo seu fillo Luis.

Na categoría de “cociña” o galardón recaeu en Celestina Martínez, do restaurante O Parrulo (Ferrol), pola seu labor de preservación da cociña tradicional galega”.
Na categoría Sala, que “pon en valor o oficio de camareiro e de mestre de sala dos restaurantes galegos”, o premiado foi Berto Domínguez, á fronte do mítico restaurante D’Berto (O Grove).
Na categoría Viño, que distingue “o labor de viticultores, enólogos e sumilleres que co seu traballo e sabedoría situaron aos viños de Galicia entre os mellores de España e de Europa”, o premio foi para Joaquín Álvarez “Quin”, do Rosal.
En canto á categoría Produtor, que recoñece a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega, outorgáronse diferentes galardóns. Así, no caso de Mar, o recoñecemento recaeu en O Peirao – Federación Galega de Redeiras Artesás (Malpica de Bergantiños), entidade que agrupa a sete asociacións de redeiras galegas co obxectivo de dignificar o oficio, mentres que no apartado Rural o premiado será Jesús Simal Gándara, catedrático de Ciencias dos Alimentos da Universidade de Vigo, polo seu labor en prol da recuperación do cultivo da oliveira en Galicia.

Tamén foron distinguidas como produtoras 8 panaderías históricas de Galicia: Panadería Pallares (Sarria, Lugo, 1876); Panadería Germán (Fisterra, A Coruña, 1870); Panadería Rabizas (Betanzos, A Coruña, s XVII); a centenaria Panadería Paleo (Ribadeo, Lugo); Forno do Calviño (San Cristovo de Cea); Sieira Charlín (Ribeira, A Coruña, 1884); Panadería Central (Buño, Malpica) e Panadería Caneda (A Pobra de Trives, Ourense), que recibiron o Premio ás Panaderías Históricas de Galicia, co que o xurado recoñece “o papel que desempeñan preservando un oficio patrimonial e poñendo en valor o pan de Galicia”.
Tamén houbo galardóns para as categorías de Formación, que este ano foi para IES de Foz pola súa formación de baristas, e de Divulgación, pensado como recoñecemento a persoas que coa súa obra contribúen á difusión da cociña e a gastronomía galegas, e que nesta ocasión foi para La Alacena Roja, unha revista de periocidade bimestral dedicada ao turismo e a gastronomía





