A Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina convoca para o vindeiro luns, 31 de marzo, unha Xornada Nacional de Mobilizacións en máis de 34 localidades galegas, incluídas Ribeira e Noia, baixo o lema Galiza con Palestina, contra a ocupación e o xenocidio. Así o anunciou a Coordinadora nunha rolda de prensa celebrada no salón Rahid do Hotel Eurostars Araguaney de Santiago (sede da Fundación Araguaney-Puente de Culturas). No acto participaron representantes da Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina, Ánxela Gippini, de Galiza por Palestina; Óscar Valadares, de Mar de Lumes; e Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin.

“Ante a gravidade da situación en Gaza, como a de toda Palestina, e a impunidade da que gozan os xenocidas, convocamos a Xornada de Mobilización Nacional por Palestina para reivindicar tamén o Día da Terra Palestina, onde se conmemorará o vindeiro domingo, 30 de marzo, a folga xeral de 1976 contra o roubo de territorios palestinos”, explicaron dende a Coordinadora, engadindo que “nesta data, o pobo palestino denuncia a limpeza étnica, o roubo de terras e o estado de Apartheid no que vive desde hai décadas, baixo a ocupación do estado sionista”.
Ánxela Gippini explicou que esta xornada, que levan programando desde fai uns meses, organízase “porque os crimes contra Palestina continúan, e a ocupación, o bloqueo e o xenocidio tamén proseguen a pesar da tregua anunciada en Gaza, onde a situación de fame e de falta de asistencia sanitaria é de emerxencia”.
Pola súa banda, Sami Ashour fixo un chamamento desde a comunidade palestina para que a maioría da xente saia a manifestarse o vindeiro luns “por el horror que está viviendo nuestro pueblo en Gaza a manos del genocida Netanyahu y su gobierno”. Sinalou que a situación en Palestina é “tan dramática e catastrófica” que require destas mobilizacións para que a xente que non está da cordo con este xenocidio saia ás prazas e rúas de Galicia.
Pola súa parte, Óscar Valadares destacou que nas mobilizacións feitas ata o de agora, a parte de denunciar a situación do pobo palestino, tamén se denuncia a hipocrisía e a complicidade da comunidade internacional e a impunidade absoluta coa que opera Israel. “Estamos seguros de que se EEUU e Europa non lle deran esa cobertura a Israel non estariamos ante este xenocidio” –asegurou–.



