O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, mantiveron unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para tratar diversas cuestións de interese relacionadas coa vivenda e as infraestruturas do municipio.
Un dos puntos centrais do encontro foi a exploración de posibles vías de colaboración entre o Concello de Ribeira e a Xunta de Galicia para impulsar a construción de vivenda pública no municipio. Esta iniciativa busca dar resposta á crecente demanda de vivendas asequibles, tanto para compra como para alugueiro. O alcalde destacou a importancia de traballar conxuntamente para facilitar o acceso á vivenda e asegurou que o goberno local está comprometido en seguir avanzando nesta liña. Ademais, sinalou que o Concello está a xestionar a adquisición de inmobles inactivos para poñelos a disposición da cidadanía.
Por outra banda, na reunión tamén se abordaron temas relativos ás infraestruturas viarias de titularidade autonómica que afectan ao municipio. O alcalde e a concelleira trasladaron á conselleira a necesidade de reforzar o mantemento e a roza destas estradas, incidindo na mellora da seguridade viaria. Entre as demandas presentadas, solicitaron actuacións de pavimentación no tramo da estrada AC-305 entre Padín e As Saíñas, debido ao seu avanzado estado de deterioro e aos riscos que supón para a circulación.
Finalmente, o alcalde subliñou a importancia de que a Xunta leve a cabo estas melloras en materia de conservación e roza das estradas para garantir a seguridade da cidadanía.
