
Uxía Pérez e David de la Fuente proclamáronse gañadores absolutos da Padrón 10K, unha proba que utilizaron como preparación para o Campionato de España, no que competirán proximamente. A XXII edición da carreira contou cunha gran acollida por parte de atletas e afeccionados, consolidándose como unha das citas de referencia no calendario atlético galego. Con máis de 1.300 participantes, o evento reuniu corredores de todas as idades e niveis, incluíndo dous emigrantes do centro de acollida de Padrón, que se sumaron á competición.
Na proba absoluta feminina, Uxía Pérez (36:12) destacou cunha vantaxe de máis dun minuto sobre Sofía Freaza (37:43) e Nati García Sánchez (37:50). Na categoría masculina, o podio estivo máis disputado, con David de la Fuente (31:16) impoñéndose por escasos segundos a Jorge Puig (31:18) e Mehdi Elnabaoui (31:25).

Unha participación especial
A anécdota da proba absoluta protagonizárona Lassana Troure (dorsal 354) e Thierno Sacko (dorsal 596), dous emigrantes do centro de acollida de Padrón que decidiron correr os 10K na súa primeira experiencia competitiva, contando co apoio dos seus compañeiros e do director do centro.
Na proba de 5 quilómetros, Xoana Rodil (19:42) foi a vencedora, seguida de Ana Isabel Soutullo (19:47) e Inés Papín (20:08). Na categoría masculina, Iván Puentes (15:21) impúxose a Antonio Teijido (15:36) e Brais García (15:56). Ademais, Martina López Cristal e Martín Lestido foron recoñecidos como os mellores atletas locais.

Un evento deportivo con gran ambiente
O evento comezou ás 16:00 horas coas probas escolares, nas que participaron 415 nenos e nenas, fomentando a práctica deportiva desde a infancia. Ás 16:50 horas tivo lugar a proba de 5K con 282 corredores maiores de 16 anos, mentres que a carreira principal de 10K arrancou ás 17:40 horas, reunindo 614 participantes nun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
O alcalde, Anxo Arca, o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, estiveron presentes na liña de saída e participaron na entrega de medallas aos escolares, nunha xornada que reuniu veciños e visitantes no entorno do Campo do Souto.
Deporte e gastronomía
A carreira celebrouse nun ambiente festivo cunha notable afluencia de público ao longo do percorrido. Ademais, os asistentes puideron gozar da iniciativa gastronómica #GaliciaSabeAMar, promovida pola Xunta de Galicia, onde se ofreceron degustacións de petiscos elaborados con produtos do mar galego.
