
No marco das celebracións locais do Día de Rosalía (este 23F), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, A Companhía do Ruído Editorial e o Concello da Pobra, o auditorio da Biblioteca Municipal Victoriano García do Caramiñal acollerá o vindeiro sábado 1 de marzo a presentación do libro A Landra viaxeira e o amigo Lambón, dos ribeiráns Suso Bella e Sabela Olivares, con ilustracións de David Cuence.
A cita será ás 20.00 horas na Biblioteca da Pobra (no 25 da rúa Castelao). Intervirán no acto Xabier L. Marqués, poeta; María Xesús Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia; e de Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal. Durante o acto realizarase unha lectura poética pública e unha homenaxe musicada da obra de Rosalía de Castro. Ao mesmo tempo, presentarase o número 202 do suplemento cultural A Voz de Barbantia.
O libro
A Companhia do Ruído Editorial, vertente libreira da banda ribeirá do mesmo nome, na que militan Sabela Olivares e Suso Bello, lanzou a finais de 2024 o audiolibro A Landra viaxeira e o amigo Lambón, escrito e composto por Sabela e Suso (Os Jalochos) para o público infantil. Trátase, explican, dun libro musical de aventuras no que Landra e Lambón, dúas criaturas que son un conto de fadas, relatan unha fabulosa historia chea de música, cor, aventuras, novas amizades e singulares expresións que pola costa galega adoitan falar.
Este conto leva aparellados distintos recursos en soporte dixital, completando así a obra cun audiolibro interactivo e doce pezas musicais para gozar en familia.
Coñecer a xeografía galega, respectar a natureza, xogar coa lingua e as variantes dialectais da costa galega ou co ritmo da música, son parte das propostas desde proxecto, que se amosa, en palabras de Sabela e Suso, “como un recurso didáctico idóneo para a aprendizaxe transversal e inclusiva na educación infantil e primaria”.
Segundo explican, estes son os obxectivos da proposta: fomentar a lectura entre as crianzas e potenciar o uso da comunicación escrita e oral da lingua galega como fonte de diversión, información e medio de expresión dos valores sociais e culturais; promover e dinamizar a lingua galega mediante o seu uso, coñecemento e divulgación social; concienciar no respecto á natureza e a protección do medio ambiente; e amosar diferentes estilos musicais e achegar os ritmos e instrumentos tradicionais propios do acervo cultural galego.
Ademais, búscase visualizar e reivindicar o patrimonio material e inmaterial de Galicia como parte integrante dos nosos tesouros históricos e culturais; desenvolver a creatividade e a sensibilidade artística como fonte de formación e enriquecemento persoal mediante a lectura e a audición; divulgar materiais didácticos en galego para a súa implementación e uso nos diferentes ámbitos pedagóxicos; e empregar as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a creación de contidos virtuais e difusión do proxecto.

O espectáculo
Para levar a cabo o espectáculo Sabela e Suso desenvolven un concerto participativo mediante xogos baseados en conceptos musicais (tempo, ritmo, dinámica), así como a percusión corporal, o baile e a lingua de signos.
A Compañía
Os Jalochos son Sabela e Suso. No ano 2021 fundan a compañía, coa que xiran co espectáculo infantil Ritmando e actualmente co espectáculo A Landra viaxeira e o amigo Lambón.
Sabela Olivares é unha artista musical de Ribeira cunha ampla traxectoria e formación. Posúe o Grao de Educación Primaria, o Mestrado de Profesorado, o Título Superior de Música na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular, o Título Profesional de Música na especialidade de Gaita e o Título de Profesora na especialidade de Piano. Na actualidade, exerce como docente de educación musical na Universidade de La Rioja (UNIR).
Suso Bello, tamén de Ribeira, é músico, produtor musical e compositor. Cunha longa traxectoria no mundo da música participou en diferentes proxectos musicais e de televisión, sendo a súa faceta máis coñecida polo público a de músico integrante de A Companhia do Ruído.




