
Milleiros de persoas ateigaron este domingo 23 de febreiro (Día de Rosalía de Castro) ao mediodía as rúas do centro histórico de Santiago para reclamar un cambio de rumbo na política de dinamización e impulso do galego do Goberno autonómico, que, segundo indicaron as moitas entidades implicadas na concentración, lideradas por Queremos Galego, só está conseguindo que nos acheguemos ao punto de non retorno en materia de supervivencia da lingua, sen relevo xeracional que asegure o seu emprego.
A manifestación, polo multitudinaria e reivindicativa, foi comparada polas organizacións participantes coas máis concorridas mobilizacións galegas das pasadas décadas (por exemplo a que reclamou en 2010 a derrogación do Decreto do Plurilingüísmo na educación, decreto que este domingo volveu estar no punto de mira de moitas das persoas manifestantes). De feito, moitos dos grupos integrados na mobilización aínda non saíran da Alameda (punto de reunión) e a cabeza da marcha pola lingua xa chegara ao seu destino, a praza do Obradoiro. A manifestación percorreu A Senra, a praza de Galicia, o Toural, a rúa do Vilar, Xelmírez e O Obradoiro.
A marcha foi auspiciada por máis de 20 entidades, e nela participaron persoas de todas as comarcas de Galicia (unha trintena de concellos), incluída o Barbanza, que percorreron as rúas de Santiago baixo o lema Lingua Vital xa. A manifestación rematou na praza do Obradoiro, onde as persoas participantes foron recibidas cun concerto a cargo de Mondra e, previamente, coa lectura do manifesto polo galego do presidente da Mesa, Marcos Maceira. O acto, conducido por Xurxo Souto, contou tamén coas actuacións de Carapaus e da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas que interpretarán a Alborada para Rosalía.

Acompañaron a marcha delegacións de Cataluña, do País Vasco e unha representación da Rede Europea pola Linguas, ONG con carácter consultivo da ONU e do Consello de Europa, que emitiu recentemente a súa preocupación “pola situación do galego como caso único no Estado español de lingua atacada polo seu propio goberno”.

A cita contou co apoio pleno dos partidos da oposición, BNG e PSOE, cuxos líderes (Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro) atopábanse na marcha.
Ana Pontón sinalou que “esta mobilización ten que significar un punto e aparte para deixar atrás as políticas lingüicidas do Partido Popular” e pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que “deixe de negar a realidade” e de “manipular os datos oficiais” sobre a situación de emerxencia na que se atopa a lingua e “escoite o clamor que hoxe se sente en Compostela a favor do galego”. “Estamos aquí, un país enteiro en pé, para defender que queremos seguir vivindo en galego para denunciar estes 15 anos de políticas en contra da lingua que leva protagonizado o Goberno do Partido Popular”, indicou ao inicio da histórica manifestación celebrada en Compostela no Día de Rosalía. Ante o devalo do galego, a líder nacionalista reclamou ao presidente do Executivo que deixe de atacar a nosa lingua e abandone políticas tan lesivas como ese “decreto da vergoña” que, advertiu, está provocando que “os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego, saian falando en castelán”.

Tamén estaba presente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, quen falou de reaxir contra a “emerxencia lingüística” que está a vivir o galego e contra a “a mentira, a vergoña e a manipulación” da Xunta, con respecto á situación do noso idioma. “Temos un Goberno capaz de chamarlle bilingüismo cordial a que, segundo os datos oficiais, o 32% de menores de 15 non saiban falar galego, a que o 70% de crianzas que entran na escola falando galego saian falando español, a que o galego estea prohibido en varias materias no ensino e con restrición de porcentaxes, a que só o 0,9% da oferta televisiva sexa en galego, que só o 0, 6% dos xoguetes estean en galego ou que o uso na xustiza sexa inferior ao 1%”, sinalou.
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu a importancia de “protexer, preservar e potenciar o galego”. Momentos antes de que a manifestación da plataforma Queremos Galego botase a andar desde a Alameda compostelá, o líder socialista asegurou: “Non temos futuro como país se non defendemos o noso idioma”. Besteiro insistiu en que a mobilización da sociedade galega “non é contra ninguén, senón a favor da lingua, e, sobre todo, é unha mensaxe clara” á Administración que ten a competencia nesa materia, “e especialmente ao PP”. Por ese motivo invitou a Rueda “a escoitar o que os galegos e as galegas dicimos hoxe, que hai que protexer o noso idioma”. Ao mesmo tempo, invitou a toda a cidadanía a “facelo no día a día”, non só en ocasións como a marcha deste mediodía na capital de Galicia.




