O acto central da visita foi o izamento da Bandeira Verde de Galicia na praia de Coroso, un distintivo que distingue aos concellos máis comprometidos coa sustentabilidade e o coidado da contorna

Durante a súa visita á zona, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou no acto de izado da Bandeira Verde de Galicia, concedida ao Concello de Ribeira na convocatoria de 2024 en recoñecemento ao seu labor na preservación do medio ambiente. O acto celebrouse na praia de Coroso e contou coa presenza do alcalde, Luís Pérez Barral, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez Porta a lider do PP de Ribeira María Sampedro e a directora de Patrimonio Natural.
O alcalde de Ribeira destacou que este distintivo premia o esforzo colectivo da veciñanza e reafirma o compromiso do Concello cun futuro máis sostible. Entre as actuacións que levaron a este recoñecemento destacan a instalación de paneis solares en edificios municipais como o Auditorio, o complexo deportivo da Fieiteira e o Mercado Municipal, contribuíndo á redución do consumo enerxético e das emisións de CO2.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, asegura que “este é un recoñecemento ao esforzo colectivo da veciñanza e do compromiso do Concello por construír un futuro máis sostible. Continuaremos traballando en iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas e protexan o noso patrimonio natural para as xeracións futuras.”
Ademais, no ámbito da biodiversidade, realizáronse labores de erradicación da herba da pampa en San Roque, unha especie invasora que ameaza os ecosistemas locais. No eido da xestión de residuos, Ribeira puxo en marcha a recollida separativa de biorresiduos e un programa de compostaxe doméstica, fomentando a economía circular e a redución de refugallos.
O Concello investiu preto de 500.000 euros en diferentes iniciativas medioambientais, consolidándose como un referente en boas prácticas ecolóxicas e sustentabilidade. Con esta Bandeira Verde, Ribeira reforza a súa posición como un exemplo de compromiso ambiental e de loita contra o cambio climático en Galicia.




