
O Concello de Ribeira anunciou o lanzamento dun ambicioso Plan de Actuación Integral (PAI), estruturado en diversas fases estratéxicas que permitirán transformar o barrio de Bandourrío dende “o punto de vista urbano, ambiental, social e cultural”. O alcalde, Luís Pérez Barral, destacou que neste proxecto xa está a traballar un equipo técnico e que “transformaría a imaxe urbana da contorna”. Segundo dixo, “esta iniciativa pretende profundar no novo modelo urbano centrado en gañar espazos públicos para as persoas, máis espazos verdes e zonas deportivas, integración da cidade co mar ou fomentar a mobilidade sostíbel”. Pérez Barral asegurou que, de conseguir este financiamento, “lograremos revitalizar o barrio orixinario de Ribeira, Bandourrío, mantendo esa ligazón co mar pero aumentando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas”.
Cerqueira, epicentro social e cultural
O plan prioriza a revitalización do barrio facendo da antiga conserveira Cerqueira “un elemento central coa súa recuperación como patrimonio industrial conserveiro, converténdoo nun espazo social de eventos, de aprendizaxe e de participación comunitaria”. Tamén se fomentará o ámbito cultural coa creación dun museo ligado ao mundo do mar na casa anexa á fábrica. Ademais contémplase a construción dun centro multiusos, de menor cabida, destinado a promover a integración social, e o fortalecemento da convivencia veciñal podendo acoller unha grande variedade de actividades de todo tipo, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.
Rexeneración urbana, mobilidade sostíbel e espazos verdes
Contémplase tamén a creación de novos espazos públicos destinados ao uso e desfrute da veciñanza. Ampliarase e transformarase a praza de Pontevedra, integrándoa co parque de Pedra Pateira, creando así “un espazo público sostíbel, accesíbel e inclusivo”. Para iso derrubarase o antigo auditorio, permitindo o deseño de grandes áreas verdes, con mobiliario urbano, zonas de xogos infantís, pistas deportivas e de calistenia, promovendo unha vida activa e saudábel, e espazos interxeracionais, destacou o alcalde, engadindo que o Fogar do Maior, a Casa do Mar e o Club de Xubilados do Mar, situados nun extremo da praza, beneficiaranse desta transformación, ao contar “cun espazo integrado, accesíbel e inclusivo que mellorará a calidade de vida dos seus residentes e usuarios”. Ademais, esta nova praza-parque unirase ao mar coa creación dunha plataforma única e cunha balconada ao mar.
Como parte do proxecto, prevese a construción dun aparcadoiro disuasorio, soterrado, de baixas tarifas e dotado dunha capacidade de 250 vehículos. O estacionamento ten “un enfoque intermodal xa que a súa localización céntrica permite conectar a cidade a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas”, sinalou o rexedor.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, destacou que esta actuación garantiría solucionar a demanda de máis espazos de estacionamento que a día de hoxe ten Ribeira así como a demanda de espazos polivalentes para acoller actividades sociais. “Agardamos que este proxecto poida ter o financiamento do Goberno estatal e, unha vez se consigan eses fondos, iremos contemplando as partidas que teña que asumir o Concello nos orzamentos anuais”, engadiu.
Pola súa banda, o segundo tenente de alcalde, Franciso Suárez-Puerta, destacou que de aprobarse este proxecto “suporá un dos maiores investimentos na historia no concello para transformar un barrio que presentou deficiencias”. Informou que a praza que se contempla crear permitiría “acoller grandes eventos festivos na zona”, mentres que no apartado tecnolóxico puxo en valor os investimentos por máis de 100.000€ que permitiría dotar ao barrio dun espazo conectado.
Grazas á elaboración deste proxecto Ribeira aspira a obter, a través dos novos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), un investimento de 13.330.000 euros. Mediante esta nova visión de cidade, o Goberno ribeirense “aposta por investir nas zonas máis degradadas do municipio, recuperar edificios históricos en lugar de crear novas edificacións, xerar espazos verdes e resolver a necesidade de estacionamento”.