Os alcaldes de Boiro, José Ramón Romero; Rianxo, Julián Bustelo; e A Pobra, José Carlos Vidal; realizaron na mañá deste 11 de febreiro unha visita ao Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira para coñecer a evolución dos distintos programas formativos que se están a desenvolver de forma conxunta entre os tres concellos, por exemplo o Programa Integrado de Emprego, un curso destinado a 100 persoas da comarca inscritas como demandantes de emprego e que, durante 12 meses, están a recibir formación específica acorde aos sectores produtivos da zona; así como outras xornadas destinadas a mellorar as habilidades de empregabilidade e inserción laboral.

Segundo lembraron, na pasada edición acadouse con este Programa unha inserción laboral do 68%. “Estes programas formativos responden ás necesidades das nosas empresas en canto a perfís profesionais e son unha aposta dos tres concellos para a integración laboral da veciñanza, o que da como resultado unhas moi boas cifras de inserción”, afirmaron os alcaldes.
O Programa Integrado de Emprego está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o servizo Público de Emprego Estatal. “Traballamos de xeito conxunto para desenvolver estes programas de forma eficiente e é un orgullo ver os resultados dos mesmos e a cantidade de xente que se forma cada ano gracias a estes programas”, recoñeceron os rexedores, que visitaron tamén ao alumnado que participa no programa de emprego Xuventude I, destinado a mozos e mozas inscritos en Garantía Xuvenil e que se están a formar en montaxe de equipos informáticos, operacións auxiliares de manutención de sistemas microinformáticos e operacións auxiliares con tecnoloxías da información e comunicación.

O programa de emprego Xuventude I dos Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia mediante o Programa FSE+ Galicia 2021-2027 da Unión Europea e ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral para a súa cualificación profesional e inserción laboral no mercado de traballo.



