O Concello de Boiro, no marco do XVIII Encontro Arqueolóxico do Barbanza, organiza unha serie de visitas que se desenvolverán os días 1 e 2 de marzo de 2025. Desta volta, as visitas serán a Vigo e á Laracha e as inscricións para asistir están xa abertas.
O sábado día 1 de marzo terá lugar a visita da Fortaleza do Castro ao Castelo de San Sebastián: A muralla de Vigo. A saída de Boiro para esta viaxe está prevista ás 14.45 horas dende A Cachada e a hora estimada de regreso será ás 20.00 horas.
O domingo 2 de marzo será a visita á Laracha, con saída ás 10.30 horas dende Boiro. Pola mañá celebrarase a visita ao xacemento de Montes Claros e despois do xantar haberá unha visita á vila mariñeira de Caión e ao Arquivo da Pesca de Caión, con regreso estimado a Boiro ás 20.00 horas.
A matrícula pode formalizarse cubrindo o formulario de inscrición dispoñíbel na web do Centro Arqueolóxico do Barbanza ou mediante os enderezos electrónicos info@centroarqueoloxicodobarbanza.org ou xzonaarqueoloxicaneixon@gmail.com. O prezo de inscrición é de 15 euros e inclúe o autobús e as visitas.




