
A agrupación Nós Pobra, que ostenta o Goberno da Pobra xunto co BNG, o PSOE e VIXP, emitiu un comunicado no que fai un repaso polas actuacións levadas a cabo dende o Executivo en materia educativa nos centros docentes do municipio e tamén polas medidas que cumpriría pór en marcha para facer máis eficientes o servizo e as instalacións (poñendo o foco no EEI Fernández Varela) e atendendo ás necesidades actuais e reais do alumnado e as familias, toda vez que se ten constatado un descenso evidente do número de alumnas e alumnos, en consonancia co que acontece na inmensa maioría dos concellos de Galicia.
Respecto das actuacións levadas a cabo no EEI Fernández Varela, sempre co obxectivo de manter as instalacións nas mellores condicións e mesmo de melloralas, a agrupación lembra que se teñen levado a cabo todo tipo de melloras, “entre as que destacan a reposición do muro do patio con elementos prefabricados de formigón, a reparación da cuberta da zona do areeiro, a instalación dun pequeno parque infantil con chan de caucho e a colocación de bancos e xardineiras; e ademais dotouse ao centro de megafonía interior e exterior, pintáronse as aulas, impermeabilizouse a terraza e adaptáronse os baños, entre outras accións”. Nós Pobra tamén lembra a optimización dos servizos que ofrece o centro, poñendo en marcha o servizo Madruga dende o Concello e dotando ao comedor escolar, organizado pola ANPA, do persoal necesario para o seu correcto funcionamento.
Con todo, o grupo sinala que “a día de hoxe, a evolución da natalidade no noso concello presenta unha tendencia claramente descendente”, tal e como se reflexa na gráfica que acompaña o comunicado.

Os datos, sinalan, falan por si sós: “No CEP Salustiano Rey Eiras existe un edificio de seis unidades totalmente baleiro, mentres que a EEI Fernández Varela atende a arredor de 50 nenos e nenas, malia ter capacidade para máis de 200”.
Tras analizar esta situación, apuntan, “consideramos necesario levar a cabo unha reorganización dos centros escolares do concello”. E engaden: “Non se trata de pechar un centro, senón de resitualo. En ningún caso sería pechada ningunha unidade de Educación Infantil, xa que Nós Pobra nunca apoiaría o peche dun centro de ensino no noso concello, a nosa proposta consiste en reubicar o alumnado e o profesorado dentro doutro centro educativo, que pasaría de ser un CEP (Centro de Educación Primaria) a un CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria)”.
No comunicado recoñecen que “son conscientes da carga emocional que o Fernández Varela ten para moitos veciños e veciñas, pois moitos formamos parte do seu alumnado ou fomos pais e nais de alumnos e alumnas do centro; porén, cremos que é necesario dar un paso adiante e darlle unha segunda vida ao edificio, podendo destinalo a servizos de gran importancia para toda a comunidade”.
Conclúen que “non sería un prexuízo para as e os escolares desde ningún punto de vista, xa que se manterían o profesorado e o número de aulas e o proxecto educativo, e disporían dun patio de recreo en plena natureza, ademais de formar parte dunha comunidade escolar máis grande, a do CEP Salustiano Rey Eiras, centro o que xa está adscrito o Fernández Varela”.



