
O grupo alimentario Gadis participa por 4º ano consecutivo na campaña solidaria A compra da túa vida, que pon en marcha a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) co propósito de obter fondos para financiar proxectos de investigación, apoiar a atención integral dos pacientes e acompañar á contorna familiar.
Desde este venres pasado e até o domingo 16 de febreiro, todos os supermercados Gadis de Galicia e Castela e León sumaranse a esta causa social que a AECC desenvolve en España coincidindo co Día Mundial contra o Cancro, que se celebra o 4 de febrero co obxectivo de aumentar a concienciación e mobilizar á sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade.
O grupo alimentario galego agradeceu de antemán a colaboración dos clientes, “que sempre mostran unha gran solidariedade con esta campaña”, sinalou, explicando que a forma de colaboración é mediante doazón económica a partir de 1 € ao pasar por caixa.
O impacto positivo que Gadis quere xerar na súa contorna impulsa “unha intensa axenda solidaria ao longo do ano”, que articula no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, do que forma parte o apoio á Asociación Española contra o Cancro e a outras organizacións que promoven o coñecemento e a investigación para mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos, e inciden na detección precoz e na necesidade de fortalecer a atención sanitaria e psicolóxica dos enfermos e as súas familias.
Ás accións de captación de fondos, Gadis suma outros patrocinios e cooperacións. En liña coa súa filosofía de proximidade e presenza nas comunidades locais, o apoio á AECC desprégase a través das xuntas locais nas actividades que realizan, como as marchas, carreiras e ceas benéficas que levan a cabo en Betanzos, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Ponferrada ou Ávila, entre outras localidades de Galicia e Castela e León.
Así mesmo, Gadis colaborou coa Fundación NARU, que ten como obxectivo aumentar as competencias persoais e profesionais para mellorar o acceso ao emprego dos mozos, maiores de 45 anos, así como de pacientes oncolóxicos ou coidadores que teñen que reorientar a súa carreira para volver ao mercado laboral.
As entidades Asotrame (Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas), ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia) e a Asociación Cris contra o Cancro tamén recibiron o respaldo da empresa a diferentes iniciativas.



