A Xunta anunciou que vai comezar esta vindeira semana os traballos de limpeza e roza nas marxes das estradas AC-400, no concello de Muros; e na AC-550, no seu percorrido polos municipios de Cee, Noia, e tamén Muros.
Tamén proseguirán as tarefas en execución nas últimas semanas na estrada autonómica AC-413, no municipio coruñés de Ordes.
Ademais, continuarán os traballos de roza nas vías da provincia de Ourense: OU-101 ao seu paso pola cidade de Ourense; na OU-402, en Castrelo de Miño e na OU-536, entre Ourense e Castro Caldelas.
Todas estas intervencións consisten na limpeza e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, e na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas autonómicas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
A Xunta, con este programa, busca previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.
Estas intervencións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están enmarcadas no contrato coa empresa pública SEAGA para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta cun investimento total de 4 M€ para este e o vindeiro ano.




