
A XXII Regata Contrarreloxo organizada polo Club de Remo de Cabo de Cruz o pasado 27 de xaneiro no peirao de Cabo acadou unha recadación de 4.357,60 euros en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, estivo na entrega do cheque na que participaron o presidente do Club, Luís Piñeiro, e a presidenta da asemblea local da AECC, Marisa Lojo.
“Dende o Club de Remo quedamos moi contentos con esta iniciativa e coa colaboración prestada por todas as entidades e empresas que fixeron posíbel esta bandeira solidaria e que agardamos que se repita no futuro”, afirmou Luís Piñeiro.
Pola súa banda, a presidenta da asemblea local da AECC agradeceu “a todas as persoas que están detrás deste proxecto e que recadou unha gran cantidade para a asociación e seguir colaborando coa loita contra o cancro”.
O concelleiro de depores, Marcos Fajardo, fixo fincapé na importancia de levar a cabo iniciativas como estas pois “o deporte, ademais de ser un estímulo en si, serve tamén para dar visibilidade a causas solidarias e sociais como é o traballo que fan dende a Asociación Española contra o Cancro en Boiro”.



