O proxecto prevé converter a actual nave industrial nunha nova planta máis produtiva, sustentable e avanzada para a transformación, elaboración e
comercialización de peixe conxelado e dos seus derivados — Trátase do décimo cuarto proxecto industrial declarado estratéxico polo Goberno
galego e suporá un investimento de 26,3M€ e a creación de 150 novos postos de traballo.

O Consello da Xunta acordou esta mañá declarar como novo proxecto industrial estratéxico (PIE) a iniciativa impulsada por CONGALSA, S.L. para converter a actual nave industrial que ten na Pobra do Caramiñal (A Coruña), para a transformación, elaboración e comercialización de produto do mar conxelado nunha nova planta máis produtiva, sustentable, avanzada e automatizada. O proxecto conta cun investimento de 26,3 millón de euros e permitirá a creación de 150 novos postos de traballo de carácter directo. Este será o décimo cuarto proxecto industrial declarado estratéxico polo
Goberno galego que, xunto cos anteriores, suman unha mobilización global de 2.400,94 millóns de euros e 4.365 empregos.
A iniciativa impulsada por CONGALSA consiste na modificación e adecuación da actual nave industrial que a firma ten no polígono industrial da Tomada, e que conta cunha superficie de 6.260 metros cadrados.
Os traballos desenvolveranse en cinco fases. As tres primeiras comprenden o deseño e a construción da nova nave, así como da nova EDAR xunto coas instalacións técnicas necesarias. A cuarta fase abrangue o deseño, desenvolvemento e posta en marcha das novas liñas produtivas, que mellorarán os procesos actuais mediante reenxeñaría e I+D, con adquisición de nova maquinaria máis eficiente desde o punto de vista enerxético e sistemas de economía circular a través de procesos de valorización. E, por último, a quinta fase implica o deseño, desenvolvemento e posta en marcha de ferramentas dixitais para monitoraxe e control de procesos produtivos, de calidade e rastrexabilidade e control intelixente de consumo enerxético.
As instalacións contarán cun peirao de carga e entrada de materia prima, dunha zona de produción composta de tres liñas independentes, dun almacén de produto terminado en cámara frigorífica a -20ºC, dunha zona de descarga de produto terminado e dunha zona de entreplanta para servizos de administración, vestiarios, sala de preparación de rebozados e almacenamento con cámara frigorífica. Así mesmo, destinarase un espazo á
recollida de residuos orgánicos e cartón plástico, así como outro espazo independente, exclusivamente para a carga de baterías de carretillas e taller de mantemento.
O proxecto prevé tamén a instalación de placas solares e turbinas eólicas para autoconsumo, que cubrirán unha parte do consumo enerxético da planta, mentres que os residuos orgánicos do procesamento serán reutilizados para producir novos produtos, como alimentos para animais ou compost, e serán implantados sistemas de reciclaxe interna e de redución do impacto ambiental de residuos sólidos e líquidos.
CONGALSA S.L. foi constituída en 1990, especializouse na elaboración de produtos precociñados a base de peixe e ten no seu haber o feito de ser a primeira empresa de alimentación española en dispor do selo EFQM 600, que recoñece a xestión excelente, innovadora e sustentable nas organizacións. Na actualidade, fabrica e distribúe produtos de mesturas de peixes e mariscos, como peixe local fileteado, produtos a base de masas,
produtos rebozados e empanados de peixe. Conta con 460 empregados e presenta unha facturación de 154 millóns de euros.
A declaración como PiE enmárcase na filosofía do Goberno galego por axilizar e desburocratizar os procedementos administrativos que, neste caso, permiten adiantar os prazos de implantación das actividades industriais e, polo tanto, da creación de emprego. Ademais, o proxecto incluirase no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, creado a través da Lei 10/2023, de medidas fiscais e administrativas, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2024.
