A rendibilidade (alta) das empresas que coidan ás persoas e o medio ambiente centrou unha xornada de Amicos e APD

05 Febreiro 2025

A asociación inclusiva da nosa comarca Amicos e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) organizaron este mércores 5 de febreiro o encontro Impacto social y rentabilidad: cómo poner en marcha una transformación sostenible, no que se deron cita máis de oitenta directivos e directivas. No evento, celebrado en Nordés Club Empresarial da Coruña, distintos profesionais compartiron a súa experiencia para aclarar se é compatible a rendibilidade cunha actividade que xere impacto social e ambiental.

O encontro arrincou cunhas palabras de apertura da man da directora en Galicia de APD, Mercedes González, o director xeral de Amicos, Xoán España, e o director de Nordés Club Empresarial, Gabriel Barrós.

Durante a súa intervención, España destacou que “debemos pensar a longo prazo, e debemos analizar e ver que as empresas que conseguiron resistir ao paso do tempo son aquelas que practican unha boa xestión, que coidan ás persoas e que son respectuosas co medio ambiente. Debemos buscar o carácter transformador positivo, e para iso o futuro está nas alianzas, a clave da innovación e do éxito está en crear sinerxías con outros actores, porque sós é moi difícil que poidamos levar proxectos grandes adiante”.

A continuación foi a quenda do relatorio Avaliación de impacto ESG na Directiva CSRD, conducido por Silvana Alfaya, directora de sustentabilidade e bo goberno de KPMG en Galicia. Durante a súa intervención, Alfaya sinalou que “as empresas deberán transformarse e dar resposta á taxonomía da Unión Europea”, tralo que salientou a integración dos criterios ESG (Enviromental, Social and Governance) na cultura da empresa e na cadea de valor como os grandes retos aos que se enfrontan as pequenas e grandes empresas.

A experta destacou que a directiva sobre información corporativa en materia de sostibilidade “é un cambio de paradigma, apoiase na rendición de contas en tódolos aspectos relacionados co impacto que produce unha corporación: traballadores, consumidores, comunidade… Esta aplica as mesmas regras para toda Europa, e conduce a que a información reportada vaia encamiñada á prospección, a sinalar cara a onde se dirixe a compañía e como está traballando para acadar os seus obxectivos”.

Tras esta intervención de contexto, realizouse unha mesa redonda sobre o impacto da ESG na estratexia das compañías. Moderada por Miguel Beiro, responsábel da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, nela participaron a directora de RSE, Comunicación e Estudos de mercado de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; e a directora de Comunicación e Sostibilidade de ALUMAN, Carla Faginas.

Con respecto ao grado de concienciación das empresas con respecto á sustentanbilidade, Faginas sinalou que “tanto en Europa como en España estamos moi concienciados, quizais o que máis costa é que o ámbito financeiro vexa a sustentabilidade máis como unha inversión que coma un gasto, pero un estudo realizado entre grandes directivos europeos sinala que o 84% consideraban esta como motor de crecemento”. Asemade, destacou que “a sustentabilidade ten que estar integrada na estratexia das compañías, debemos deixar de vela como algo altruísta e comezar a vela como o motor de medre que é”.

Pola súa banda, Gabriela González destacou que “cando falamos de negocios aquí falamos dun gran número de pemes, e nelas é onde se respira a idea do legado, do impacto. A esencia dunha empresa debe ser facer as cousas cada vez mellor e da maneira máis sostíbel, e para iso debemos ter moi claro que a eficiencia tamén é sostibilidade”.

Despois desta análise, celebrouse unha mesa de debate centrada en como as empresas aplican os criterios ESG, na que interviñeron Javier Castiñeira, xefe global de Saúde, Seguridade e Medio ambiente & Sostibilidade de RESONAC, María Sande, xefa de Comunicación Noroeste Iberia en Coca-Cola Europacific Partners, e Mariví Sánchez, directora de Sostibilidade e Comunicación de Nauterra España, do Grupo Calvo. Os tres participantes destacaron “o poder das alianzas para conseguir que os cambios teñan lugar”. Así, puxeron o foco en que tódalas accións deben asentarse na confianza, a colaboración e unha comunicación fluída entre tódolos actores que interveñen en cada parte do proceso. Tamén fixeron fincapé no impacto dos pequenos detalles que incrementan o sentido de pertenza e o orgullo de formar parte de empresas ou organismos que buscan ter un impacto positivo na sociedade e no medio ambiente. Para chegar a isto, os tres profesionais compartiron co público algunhas das iniciativas que as súas empresas levan a cabo para conseguilo, dos que se extraeron distintas aprendizaxes que poderían aplicarse, así como experiencias de valor.

Outros artigos

Este domingo celébrase a nova edición da BTT de Muros

As inmediacións do campo de fútbol Agra da Filgueira de Louro serán o escenario este próximo domingo, 25 de xaneiro, da BTT de Muros (3 horas de resistencia), unha das probas da Copa Galicia deste ano. Trátase dunha proba organizada polo Club Ciclista de Muros en...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Ferrocarril: entre o negocio e a vida” – José Luis Calo

“Ferrocarril: entre o negocio e a vida” – José Luis Calo

A liberalización do transporte ferroviario incrementou notablemente o número de trens que circulan polas nosas vías. A entrada de operadores privados transformou o sistema, pero tamén elevou as esixencias sobre unha infraestrutura que debe ser, por encima de todo,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.