A Deputación da Coruña destaca dende Ribeira o seu “investimento récord” de 10,8 millóns nos concellos de Barbanza

10 Febreiro 2025

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García Rey, visitaron na mañá deste 10 de febreiro o Concello de Ribeira, onde foron recibidos polo alcalde, Luís Pérez Barral, e os membros da Corporación municipal con vistas a presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca. Os representantes da Deputación lembraron que dende a súa posta en marcha, o Plan Único leva mobilizados preto de 89,5 millóns de euros nos municipios da área de Barbanza, “permitindo financiar 587 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais”.

Durante o acto, Formoso destacou que “estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación”, subliñando a súa importancia para que os concellos, con independencia do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. “Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís”, sinalou, antes de definir o Plan Único como “o baluarte do financiamento de servizos públicos e un piar básico de investimento dos concellos da provincia”.

Tamén puxo o foco “no impacto do aumento dos custos nos servizos municipais e na falta de apoio da Xunta de Galicia”, que, segundo dixo, “obriga ás administracións locais a asumir competencias autonómicas sen o financiamento axeitado”. Engadiu que “mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou 116 millóns aos 313 concellos de toda Galicia, a Deputación investiu o ano pasado máis de 100 millóns só nos municipios coruñeses. Este 2025, a Deputación investirá máis nos concellos da provincia Coruña que a Xunta en todos os concellos de Galicia”, afirmou, engadindo que “unha soa Deputación financia de xeito directo e obxectivo, sen ningún tipo de carga política, aos seus concellos por enriba do que fai a Xunta de Galicia nas catro provincias galegas”. O presidente provincial aproveitou para instar ao Goberno autonómico a que “incremente ata os 200 millóns de euros outorgados de xeito directo e obxectivo a liña que ten agora mesmo disposta para financiar aos concellos, que na actualidade é de 116 millóns”.

Pola súa banda, a deputada de Plans Provinciais, Cristina Rey García, lembrou que que o Plan Único “foi creado no ano 2017” e permitiu “deixar atrás os plans finalistas e promover unha maior autonomía municipal”. Rey engadiu que “agora son os gobernos dos concellos quen, en función da súa realidade, deciden cales son os proxectos prioritarios”. A deputada engadiu que o Plan Único é unha “ferramenta que promove un impacto positivo na vida da veciñanza, mais tamén un impulso para a economía local, ao promover a contratación de pequenas e medias empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados. Non só se asegura a execución de obras necesarias senón que tamén se axuda a fortalecer o tecido empresarial local, se consolida o emprego e contribúese a fixar poboación”.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, destacou que o Plan Único da Deputación achega este ano case 1,7 millóns de euros ao seu concello, unha cantidade que permitirá realizar actuacións en “materia de saneamento, auga para consumo doméstico, iluminación ou pavimentación, ademais de equipamento como parques infantís ou zonas deportivas e verdes”. O rexedor recalcou que esta iniciativa “é un exemplo para outras administracións, xa que están achegando unha cantidade importante de servizos públicos aos concellos e é un exemplo para moitas outras administracións porque o fai a través de criterios obxectivos e transparentes”. Pérez Barral quixo agradecer o labor da institución provincial: “Desde Ribeira queremos dar as grazas á Deputación por esa xestión dos seus fondos propios, que están dando vida aos concellos e servizos fundamentais á poboación”.

Fito en investimento

Os 11 concellos da comarca de Barbanza recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Ribeira encabeza a listaxe con 1.646.437 euros, seguido de Boiro (1.367.626€), Mazaricos (1.165.983 €) e Porto do Son (1.015.406 €) e Noia (931.078 €). Muros, Outes, Rianxo, A Pobra, Lousame ou Carnota tamén verán incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.

O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia (880.418 euros na comarca barbanzá) a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerábeis.

O presidente provincial e a deputada explicaron que desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse “como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado”. Salientaron tamén que o modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.

“Ribeira é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica”, sinalaron, engadindo que dende 2017 “o municipio recibiu máis de 15,4 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 117 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza, entre eles a cuberta téxtil do parque infantil das Avesadas, na que se investiron 94.154 euros, ou as obras de pavimentación e renovación de servizos da rúa Cubelo (91.660 euros)”, que este luns 10 de febreiro supervisaron o presidente da Deputación, a deputada e o alcalde de Ribeira.

CONCELLOPOS+2025POS+ TOTAL2017-2025 OBRAS
Boiro1.367.626,74 €11.730.006,66 €63
Carnota631.469,39 €4.965.327,52 €41
Lousame704.011,03 €6.098.589,96 €44
Mazaricos1.165.983,10 €8.954.507,64 €32
Muros862.017,14 €7.251.051,49 €43
Noia931.078,50 €7.366.160,36 €33
Outes904.087,04 €8.132.602,19 €83
Pobra do Caramiñal (A)699.462,31 €5.199.944,20 €31
Porto do Son1.015.406,07 €8.201.352,75 €58
Rianxo888.986,30 €6.073.125,70 €42
Ribeira1.646.437,66 €15.483.091,47 €117
TOTAIS10.816.565,28 €89.455.759,94 €587

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Adivinado la profesión”. Manuel Dominguez

“Adivinado la profesión”. Manuel Dominguez

Cierto día un residente y yo nos trasladamos a la capital del imperio, es decir Madrid. Un placentero viaje en tren Al acercarnos a Castilla un hermoso manto de oro embellecía el paisaje, es decir campos de trigo, que tocaban el cielo, hermoso paisaje. Mas allá, me...

“Recado de escribir para Álvaro Mutis”. Alberto Barciela

“Recado de escribir para Álvaro Mutis”. Alberto Barciela

Hasta Cartagena de Indias llegaremos para “entregar ciertos mensajes, disolver ciertas frágiles certezas y dejarnos en el desamparo de inconfesables perplejidades”. Ojalá nuestras palabras, los abrazos en el reencuentro fraternal nos permitan, como la insistente...