A Asociación de Nais e Pais (ANPA) Santa Uxía denuncia a paralización das obras do ascensor no edificio de Educación Infantil do CEIP O Grupo de Ribeira. Tras anos de reclamacións para a instalación desta infraestrutura, imprescindible para garantir a accesibilidade do alumnado con mobilidade reducida, a execución do proxecto está a sufrir continuos atrasos.
A adxudicación inicial quedou deserta por insuficiencia de orzamento, e despois dunha reformulación foi finalmente concedida cun prazo de execución de dous meses, antes de que remate o 2024. A obra comezou na primeira semana de novembro, pero quedou novamente paralizada, deixando as aulas afectadas con tabiques de pladur provisionais e sen aseos, obrigando ao alumnado a utilizar un baño de obra no patio traseiro en pleno inverno.
A ANPA esixe á Xunta de Galicia unha resposta inmediata e accións concretas para garantir que a empresa adxudicataria cumpra co seu compromiso e complete a instalación do ascensor sen máis dilacións. “Unha vez máis, rinse de nós, igual que coa cuberta do edificio de Infantil, que segue nun estado lamentable, ou coa fiestra dun aula do edificio principal, pendente de substitución desde hai anos e que permite a entrada de frío e humidade”, denuncian dende a ANPA.
Ademais, o colexio, que este curso celebra o seu 75º aniversario, precisa investimentos urxentes en melloras infraestruturais, como o arranxo do patio exterior, a renovación da cuberta de Infantil, a reparación da pista deportiva, a substitución da escaleira traseira por perigosa e obsoleta, a renovación das fiestras pendentes e a iluminación da fachada, actualmente a escuras.
Para visibilizar esta situación e reclamar solucións inmediatas, a ANPA convoca unha concentración este martes 4 de febreiro, ás 17:10 horas, con dous obxectivos: reivindicar a recuperación dos tres especialistas en NEAE (dous de Audición e Linguaxe e un de Pedagoxía Terapéutica) que foron reducidos respecto ao curso pasado, e demandar a execución inmediata das obras pendentes.
A ANPA Santa Uxía fai un chamamento a toda a comunidade educativa para acudir a esta mobilización. “O voso apoio fai a forza!”, conclúen.
