A 10K de Padrón reúne este sábado 15 a máis de 1300 participantes

14 Febreiro 2025

Este sábado 15 de febreiro vaise celebrar un dos grandes eventos deportivos da tempada en Galicia: a nova edición da tradicional carreira 10K de Padrón, que neste 2025 chega á súa XXII edición. A proba, organizada polo Concello, conta cun total de 1311 inscritos, dos cales 614 completarán o percorrido de 10K, 282 participarán na proba de 5K e 415 nas categorías escolares.

O inicio das probas terá lugar ás 16:00 horas no Campo do Souto, e os primeiros participantes que se porán en marcha serán os escolares de categorías de pitufos e prebenxamíns, cun recorrido curto de 60 e 300 metros, respectivamente, que abrirá a xornada. As distancias para Sub 10, Sub 12 e Sub 14 estarán entre os 600 e os 1.200 metros. Ás 16:50 horas será a saída da proba de 5K e, finalmente, as 17:40 horas comezará a carreira máis longa, a de 10K.

Este evento, en palabras do Concello “unha das citas máis destacadas do calendario atlético galego”, contará con recorridos homologados pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), e un amplo programa de premios. Haberá premios en metálico para os primeiros clasificados da carreira de 10K tanto en categoría masculina como feminina (250€ para a/o primeira/o clasificada/o, 150€ para a/o segunda/o, 75€ para a/o terceira/o e 50€ para a/o cuarta/o), ademais dun premio especial dotado con 50 euros para o/a mellor corredor/a local. Tamén levarán trofeos os tres primeiros atletas de cada categoría, os tres primeiros da clasificación absoluta, o mellor corredor local, os tres primeiros equipos, o participante de máis idade que chegue a meta (Trofeo Supermáster), o club ou colexio con máis inscritos (Trofeo Participación) e os tres primeiros das categorías sub 16, sub 18 e da 5K.

A recollida de dorsais terá lugar no pavillón do Souto, de 11:30 a 13:00 horas e a partir das 15:00 horas ata media hora antes do inicio de cada proba. Os participantes tamén disporán de servizos como duchas, gardarroupa e avituallamento durante a xornada.

Anxo Arca (esquerda) e Luis Mariño, coa cinta de saída da 10K

Cortes de tráfico e restricións de estacionamento

O evento implicará cortes de tráfico entre as 15:30 e as 18:45 horas, afectando ás rúas Campo do Souto, Travesía Feira, Agro do Medio, Praza da Leña, Castelao, así como aos accesos, paseo e carril bici da desembocadura do río Sar. Tamén haberá restricións de estacionamento nas zonas delimitadas do Campo do Souto e Praza da Leña.

Galicia Sabe A Mar

Aproveitando a afluencia de visitantes por mor desta proba, Padrón tamén será mañá unha das paradas da campaña #GaliciaSabeAMar, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca poñer en valor os produtos do mar galegos e o labor dos seus profesionais. Unha foodtruck ofrecerá aos asistentes unha degustación de 10 petiscos elaborados con produtos certificados do mar e da terra, permitindo aos visitantes coñecer de preto a versatilidade da nosa gastronomía e a importancia da cadea mar-industria.

O Concello de Padrón anima á cidadanía e aos visitantes a participar nesta xornada deportiva e gastronómica, que se enmarcada dentro do compromiso do goberno local pola promoción do deporte e dos hábitos de vida saudábeis. O percorrido, deseñado para ofrecer unha experiencia atlética e visual única, permitirá ademais aos participantes gozar das paisaxes máis emblemáticas de Padrón.

Nouhaila El Gazouir co convento do Carme ao fondo

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Adivinado la profesión”. Manuel Dominguez

“Adivinado la profesión”. Manuel Dominguez

Cierto día un residente y yo nos trasladamos a la capital del imperio, es decir Madrid. Un placentero viaje en tren Al acercarnos a Castilla un hermoso manto de oro embellecía el paisaje, es decir campos de trigo, que tocaban el cielo, hermoso paisaje. Mas allá, me...

“Recado de escribir para Álvaro Mutis”. Alberto Barciela

“Recado de escribir para Álvaro Mutis”. Alberto Barciela

Hasta Cartagena de Indias llegaremos para “entregar ciertos mensajes, disolver ciertas frágiles certezas y dejarnos en el desamparo de inconfesables perplejidades”. Ojalá nuestras palabras, los abrazos en el reencuentro fraternal nos permitan, como la insistente...