A Mancomunidade Barbanza Arousa presentou en FITUR 2025 este xoves 23 de xaneiro un novo audiovisual que resume, visualiza e reivindica dous valores fundamentais do destino: a fidelización do visitante e a oferta de desconexión da rutina os 365 días do ano.

Precedentes
Como lembraremos, na pasada edición deste referencial evento turístico presentábase ao público unha produción audiovisual que formaba parte das documental Voces da Conserva, co que se daba a coñecer a pegada deixada pola conserva e as fábricas de salgadura a través do seu patrimonio material e inmaterial no territorio de Barbanza Arousa e a fundamental vinculación entre esta historia e a riqueza enogastronómica do territorio.
Desta volta, o eixo central é convidar o visitante a descubrir o territorio amodo, empapándose das pequenas cousas que, ao final, son as máis importantes.
Desconexión da rutina diaria
Segundo explicou Barbanza Arousa (mancomunidade formada por Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira) esta produción audiovisual “dá apoio á personalidade do propio destino que recolle todas as características necesarias para ofrecer unha desconexión da rutina tan necesaria nos nosos tempos”.
O audiovisual presentado é un extracto dunha curtametraxe coa mesma denominación Sempre quereremos volver. Nela plásmase “o valor inmenso que ten o noso destino cando se trata de desconectar do quefacer cotián”, sinalaron os responsábeis da mancomunidade, engadindo que “relata unha historia común aos nosos días nos que o vórtice da vida moderna, onde as obrigacións laborais, os compromisos familiares e as responsabilidades persoais ocupan unha gran parte do noso tempo; tempos nos que tomar un respiro convértese nunha necesidade para o benestar físico e emocional”.
Presentación
A presentación iniciouse da man da xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, que fixo fincapé nas inmensas posibilidades que ofrece o territorio ao longo dos 365 días do ano e que se están vendo incrementadas con novas infraestruturas que se están a realizar. De seguido proxectouse a peza audiovisual que transmitiu ao público asistente as inmensas posibilidades de Barbanza Arousa para desconectar e para ofrecer experiencias inesquecibles.
O acto continuou coa intervención de Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, que agradeceu a invitación á representación do sector empresarial e destacou que “a estratexia de Barbanza Arousa está aliñada cos obxectivos da estratexia de Turismo de Galicia 2030”. A continuación, seguiu a intervención de Julián Bustelo, presidente da mancomunidade e alcalde de Rianxo, que destacou a importancia da proximidade, a atención ao detalle e o respecto pola autenticidade para ofrecer experiencias únicas.
Logo foi a quenda de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, que enxalzou o destino Barbanza Arousa como “un destino maduro e intelixente que sabe acoller”, subliñando que “Barbanza Arousa é un destino fundamental para a provincia da Coruña”.
Pechou o actoXosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, que coas súas palabras quixo remarcar o traballo da Mancomunidade Barbanza Arousa como “un destino insignia que aposta pola calidade”; así mesmo Merelles indicou que “Barbanza Arousa é un dos territorios con maior implicación institucional”.
Axenda de xuntanzas
A participación da Mancomunidade Barbanza Arousa en FITUR 2025 continuou cunha importante axenda de reunións con operadores turísticos, seguindo coa estratexia xa iniciada en edicións anteriores. Así mesmo, este mesmo xoves 23 a mancomunidade Barbanza Arousa foi recoñecida co distintivo de Destino Turístico Intelixente outorgado por SEGITTUR nun acto no que se destacou o traballo e esforzo dos destinos que realizaron os diagnósticos DTI ao longo do ano 2024; sendo Barbanza Arousa o primeiro destino supramunicipal de Galicia en obter este galardón.