Profesionais gastronómicos colaboran co Centro de Transformación de Alimentos de Baroña no desenvolvemento de novos produtos

16 Xaneiro 2025
Alberto Carou, no Curral do Marqués en Taragoña

O Centro de Transformación de Alimentos de Baroña (Porto do Son), como parte da acción 3 do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, traballa no desenvolvemento de novos produtos para fomentar o emprego verde e engadir valor ás cadeas agroalimentaria e forestal. Persoal da Plataforma pola Defensa do Monte, en colaboración coa Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), estableceu vínculos estreitos con destacados profesionais do sector gastronómico para acadar estes obxectivos.

Rafael Saco, presidente da Plataforma, resalta a importancia deste esforzo conxunto: “O apoio da nosa asociación a esta iniciativa baséase na convicción de que as comunidades de montes necesitan unha economía verde fundamentada na xestión activa do territorio; só así poderemos combater os incendios e xerar emprego sostíbel”. Este compromiso coa economía verde busca a sostibilidade pero tamén a revalorización dos recursos locais, esenciais para o desenvolvemento do territorio, explica Saco, engadindo que dentro desas liñas de actuación que se están a desenvolver desde o proxecto do Laboratorio, destaca a apertura do Centro de Transformación de Alimentos de Baroña en Porto do Son, que ofrece servizos especializados na transformación de carne a gandeiros e comunidades de montes.

Este enfoque pretende non só incrementar os beneficios da gandería extensiva, senón tamén aproveitar outros recursos forestais como froitos do bosque, cogomelos, castañas e mel, respondendo á crecente demanda de produtos sostibles e de calidade.

Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, sinala: “Búscase crear novos produtos que permitan tanto maiores ingresos para a gandería extensiva como unha diversificación comercial que responda ás necesidades do mercado.” Ao longo deste ano, o proxecto teceu unha sólida rede de alianzas entre os distintos axentes da cadea alimentaria en Galicia, destacando a importancia dos obradoiros comunitarios para potenciar produtos cárnicos locais como o cabrito, o poldro e o vacún. Estas accións inclúen acordos con recoñecidos cociñeiros e figuras clave do sector gastronómico. Estas alianzas buscan promover a sostibilidade, dar visibilidade aos produtos locais e consolidar o impacto positivo do centro no territorio”.

Blanca del Noval

Compromisos dos Cociñeiros Colaboradores

Os cociñeiros que se sumaron a esta iniciativa achegarán a súa experiencia técnica na transformación de produtos cárnicos, ademais de capacitar ao persoal do centro mediante formación práctica e teórica. Tamén participarán en eventos promocionais e demostracións culinarias que poñan en valor o carácter local e sostíbel dos produtos, mentres apoian coas súas imaxes e presenzas as iniciativas de comunicación do proxecto.

-Alberto Carou. Xerente e cociñeiro do restaurante Curral do Marqués en Taragoña, Rianxo. Referente na zona do Barbanza, especialízase en produto local e receitas tradicionais.

-Blanca del Noval López de Montenegro. Cociñeira e investigadora gastronómica, licenciada en Ciencias Gastronómicas e Artes Culinarias. Traballou no Basque Culinary Center investigando sobre fermentacións, plantas silvestres e revalorización de coproductos. Na actualidade é emprendedora e consultora en gastronomía sostíbel.

-Iago Pazos Vilasó. Cociñeiro, restaurador e emprendedor gastronómico, xestor de recoñecidos proxectos con enfoque no uso de produtos de proximidade en Santiago de Compostela como A Café, Abastos 2.0 ou A Cantina de Casa RIA, entre outros.

-José Manuel Mallón. Cociñeiro profesional autónomo con máis de 25 anos de experiencia no sector, técnico en hostalaría e formador. Referente en foros e feiras gastronómicas, con experiencia na elaboración, corte e preparación de carne e peixe.

José Manuel Mallón

O Centro de Transformación de Alimentos da CMVMC Baroña reafirma “o seu compromiso co desenvolvemento rural e a sostibilidade, integrando aos actores locais nunha rede colaborativa que potencia o valor dos produtos e tradicións gastronómicas galegas”, sinalan dende o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, salientando que “este proxecto non só fomenta o medre económico local, senón que tamén reforza a cohesión social e o traballo conxunto cara a un futuro máis respectuoso co medio ambiente”.

Iago Pazos

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...