Padrón reforza a súa presenza en FITUR 2025 como destino turístico de referencia en Galicia

20 Xaneiro 2025

O Concello de Padrón anunciou que vai ter unha destacada participación en FITUR 2025, a Feira Internacional de Turismo que se celebrará do mércores 22 ao domingo 26 de xaneiro en IFEMA Madrid. A delegación estará encabezada polo alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, quen presentarán novas iniciativas para consolidar o municipio como “un dos principais destinos turísticos de Galicia”, sinalaron, engadindo que entre os obxectivos da presenza padronesa destacan “afianzar os bos resultados acadados o pasado ano e seguir posicionando o concello como referente en tradición, gastronomía e cultura, fomentando ao mesmo tempo un turismo sostíbel e de calidade”.

Explicaron tamén que o municipio de Padrón estará representado na entrada do pavillón, onde está instalado o stand de Galicia, cun tótem a catro caras que destacará os elementos máis significativos do municipio. Ademais, terá visibilidade na localización de Q de Calidade e S de Sostibilidade, certificacións obtidas pola Oficina de Información Turística en 2024 e que serán recollidas na gala organizada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

O Concello adiantou que un dos momentos álxidos da feira será a presentación oficial de Padrón como Pobo Máxico, unha distinción obtida o pasado ano que “converte ao municipio na primeira localidade da provincia da Coruña e a única de Galicia en lograr este recoñecemento nesta edición”. Esta presentación será o xoves 23 pola mañá e servirá para destacar o carácter singular e o patrimonio cultural da vila.

Padrón tamén será protagonista durante a presentación das Once Xornadas da Lamprea, que se celebrarán os dous últimos fins de semana de marzo. Estas xornadas gastronómicas incluirán numerosas actividades e contarán cunha ampla promoción en FITUR, incluíndo unha reportaxe na revista especializada A Alacena Roja, que se distribuirá durante os días da feira.

Os milleiros de visitantes previstos para FITUR poderán obter información sobre Padrón no mostrador dedicado ao Camiño de Santiago, reforzando o seu papel como punto clave desta ruta xacobea. Ademais, a delegación padronesa asistirá ás presentacións da Traslatio, a Vía Mariana e a nova campaña de Turismo da Deputación da Coruña.

Dentro das actividades programadas, o Concello tamén ten previstas reunións con especialistas do sector e medios especializados, co obxectivo de explorar novas oportunidades e manterse actualizado sobre as tendencias do turismo.

Con máis de 1.100 metros cadrados de espazo, 25 metros de pantallas LED e unha programación diversa, a participación de Padrón en FITUR 2025 subliña “o compromiso do Goberno local co desenvolvemento dun turismo sostíbel, de calidade e respectuoso co seu rico patrimonio natural e cultural”, adiantaron a concelleira Chus Campos e o alcalde Anxo Arca, engadindo que esta estratexia compleméntase cos fitos acadados en 2024, entre os que destaca a culminación do plan de embelecemento da área recreativa da desembocadura dos ríos Sar e Ulla, financiado con fondos NextGenerationEU. Ademais, lembraron que o Concello segue a traballar en proxectos clave como a nova Oficina de Turismo na Praza de Abastos, a renovación do centro histórico e a construción de novos hoteis que reforzarán a capacidade de acollida do municipio.

Balance estatístico do Turismo en Padrón

A presenza de Padrón en FITUR coincide coa presentación do últimos datos turísticos de Padrón, nos que destacan, a nivel de cifras, os máis de 44.000 visitantes atendidos pola Oficina de Turismo ao longo do 2024. “Este aumento sitúa o municipio nunha senda de crecemento sostido, impulsado polo Camiño de Santiago e unha oferta cultural, gastronómica e natural cada vez máis diversa”, explicaron Campos e Arca, salientando que o turismo internacional “foi unha das grandes apostas deste ano, alcanzando o 29% do total de visitantes”, cun incremento do 3% respecto ao 2023. Visitantes de países como Portugal, Estados Unidos e Italia lideran a listaxe.

O alcalde e a concelleira tamén puxeron en valor “a tradición xacobea segue a ser o gran atractivo turístico do municipio”. Así, o 45% das visitas rexistradas foron de peregrinos, aos que se lles expediron 16.068 diplomas da Pedronía e 312 diplomas da Traslatio, que certifican a súa conexión co Camiño de Santiago.

Os meses de verán volveron a concentrar o maior volume de visitantes, con agosto como o mes estrela, acumulando case o 20% das visitas anuais. Pola contra, aínda que o inverno segue sendo unha época de baixa afluencia, rexistrouse unha mellora respecto a anos anteriores, o que evidencia o potencial de atracción en tempada baixa.

En 2024, máis de 2.200 persoas participaron en visitas guiadas ao casco histórico, ao Xardín Botánico Artístico e en actividades teatralizadas. Ademais, a igrexa parroquial de Santiago, onde se garda o emblemático Pedrón, recibiu preto de 80.000 persoas, consolidándose como un dos principais puntos de interese turístico.

O impacto dixital tamén foi relevante. O perfil de Facebook de Turismo de Padrón continúa liderando a comunicación en redes sociais, con máis de 9.200 seguidores, mentres que Instagram superou os 3.100, consolidándose como unha plataforma clave para a promoción do destino. Complementariamente, entregáronse máis de 15.000 planos turísticos a establecementos locais, reforzando a atención directa aos visitantes.

De cara ao futuro, Padrón enfoca os seus esforzos en “aumentar as pernoctacións, mellorar os servizos para autocaravanas e diversificar a oferta turística con propostas que integren o turismo familiar e de natureza”. Estes obxectivos buscan “non só atraer máis visitantes, senón tamén consolidar un turismo sostible que dinamice a economía local e preserve a identidade cultural da vila”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.