Alejandro Vidal, concelleiro do PP de Ribeira, compartiu unha proposta do seu partido relativa aos traballos que o Concello está a desenvolver no paseo dos Mosqueiros, na parroquia de Castiñeiras. Segundo apuntan os populares, o rogo en cuestión ten a súa orixe nas demandas da veciñanza, que trasladaron ao grupo a necesidade de facilitar o acceso ao transporte público, xa que nos Mosqueiros, dende o paseo litoral, “o servizo faise incómodo de de usar”.
A raíz do problema, explica o PP, “está nos contedores que se encontran no lugar onde se ten que efectuar a parada do autobús, e os veciños que alí agardan teñen que pasar polo medio dos recipientes para acceder a dito autobús que debe facer a súa parada no centro da estrada”.
Na proposta engádese que tendo en conta que “se está a proceder á obra de reforma do paseo dos Mosqueiros” e “que unha das árbores no principio do paseo está en plena estrada e levantando o firme, con perigo de caer a medio prazo”, conviría “barallar a posibilidade de retirar a árbore ou trasladala á zona verde que se creará no paseo”. Tamén piden que se non “é posíbel o traslado, sería axeitado plantar novas arbores na súa substitución”. Amais, reclaman trasladar os contedores para deixar espazo de abondo para que o autobús teña a súa parada e, a maiores, “pintar a zona correspondente ao estacionamento do autobús e a colocación da sinal vertical”.




