O PP de Ribeira insta ao Concello a iniciar os trámites para municipalizar a nave de Cerqueira e poñela a disposición da veciñanza

17 Xaneiro 2025

O Partido Popular de Ribeira, a través da voceira do grupo municipal María Sampedro, presentou unha proposta para ser debatida en pleno relativa ao futuro da factoría histórica de Cerqueira no barrio de Bandourrío, hoxe en día en desuso logo de 133 anos de actividade conserveira. Trátase, sinalan, dun “edificio emblemático, referente arquitectónico do patrimonio industrial, que sempre foi desexo dos veciños que puidese pasar, chegado o momento do desaloxo, a mans municipais para o seu uso por parte da cidadanía en distintos ámbitos coma o cultural, o social ou o deportivo, dando servizo no centro do pobo e dinamizando a contorna do barrio de Bandourrío”.

Sampedro lembra que dende o Goberno municipal do PP do que ela formou parte mostrouse “interese na adquisición do edificio mantendo xuntanzas coa propiedade e mesmo chegouse a contar cunha valoración económica coa que poder iniciar as negociacións para unha posíbel compra”. Mais, sostén, “a raíz do cambio de Goberno, aínda que era vox populi o interese dos grupos en que se cumprise a demanda dos veciños e que se impulsaba pola Asociación Social e Cultural de Bandourrío, non temos novidades acerca deste tema”.

Sampedro pregunta na proposta se foron feitas as xestións precisas con Costas do Estado coas que, a través da reversión dos terreos á propiedade municipal, puidesen facilitarse as opcións de compra do concello de dito inmóbel. “Non sabemos nada deste punto”, comenta, “o que si sabemos é que este grupo segue a crer que a posta en valor como espazo municipal da nave de Cerqueira é primordial para que o barrio de Bandourrío se manteña vivo coma un lugar de converxencia interxeracional de veciñas e veciños chegados de calquera recuncho de Ribeira… Un espazo no corazón da nosa vila, céntrico, accesíbel no que, amais de supoñer un investimento inicial a súa compra, podería utilizarse sen grandes achegas iniciais para empezar a darlle vida”.

É por iso que o PP solicita o seguinte:

1- “Que o Goberno municipal faga as xestións oportunas ante Costas do Estado para conseguir a reversión dos terreos que ocupa a nave de Cerqueira, como anos atrás fixera con outros espazos da mesma contorna pasando a ser de titularidade municipal, e se dea así por rematada a concesión que pesaba sobre a mesma”.

2- “Que se manteñan as conversas coa propiedade da nave para, unha vez resolta a concesión, chegar a un acordo de compra nos termos máis favorables posíbeis para o Concello”.

3- “Que se planifiquen de xeito consensuado entre a corporación e a veciñanza os usos e actividades ás se vai a dedicar o edificio”.

4- “Que dende o Goberno municipal se manteña informado ao grupo da oposición, do mesmo xeito que tamén se traslade a información á Asociación Social e Cultural de Bandourrío”.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...