O concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal reivindicará o uso do galego con premios para todas as idades

23 Xaneiro 2025

A Real Academia Galega e PuntoGal anunciaron que van abrir este sábado 1 de febreiro a oitava edición do seu concurso de microrrelatos, que premiará un ano máis as mellores historias de ata 200 palabras escritas por autoras e autores de todas as idades.

Creado co obxectivo de “reforzar a presenza da lingua e da identidade galegas no mundo dixital”, o certame repartirá nove premios, tres en cada categoría: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas (a partir de 18 anos). Ambas as entidades animan especialmente a participar á xente máis nova, que, segundo explicaron, “atópase nunha etapa vital fundamental para afianzar o uso e os afectos cara ao idioma propia do país”. A convocatoria manterase aberta todo o mes de febreiro coincidindo cunha nova campaña que permite rexistrar un dominio .gal durante dous anos por 15 euros máis IVE.

Os presidentes da Real Academia Galega e de PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, formarán parte do xurado da categoría de persoas adultas canda a académica correspondente Débora Campos, escritora e xornalista arxentina con raíces galegas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a tamén xornalista e profesora Yolanda Virseda. O xurado que elixirá os contos gañadores das modalidades infantil e xuvenil integrarano a historiadora e académica correspondente Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses; o historiador e tamén correspondente da RAG Xosé María Lema Suárez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e integrante da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga Cristina Ríos, membro do equipo técnico de PuntoGal; e o director de Aira Editorial, xornalista, crítico literario e escritor César Lorenzo Gil.

As persoas gañadoras do VIII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal recibirán distintos premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura, segundo se detalla nas bases dispoñíbeis na páxina web do concurso, relatos.gal. As entidades convocantes difundirán neste espazo e nas súas respectivas webs os textos gañadores, que poderán ademais lerse en papel, xunto aos finalistas, na revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a primeira edición.

Presentación

Os presidentes da RAG e PuntoGal presentaron esta mañá a nova edición do concurso en rolda de prensa xunto a Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, e Cristina Ríos en representación dos xurados. “Con este concurso, a Academia e PuntoGal convidamos a nenos e nenas, adolescentes e persoas adultas a empregaren o galego como ferramenta creativa coa que ollar e escribir o mundo, expresar desacougos e esperanzas, íntimas e colectivas, de hoxe e de sempre, explorando novas formas de expresión que proxecten o noso idioma en todas as facetas da vida e cara ao futuro”, salienta Víctor F. Freixanes.

Freixanes salientou que entre as persoas gañadoras e finalistas houbo novas voces, de moi curta idade no seu momento, como as de Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003); debutantes serodios no mundo editorial, como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950); e tamén nomes como os de Héctor Cajaraville ou Marta Villar, gañadores do Premio Xerais 2015 e 2024, respectivamente.

Sinalou que o concurso da RAG e PuntoGal é en calquera caso unha iniciativa aberta a toda a cidadanía, a persoas de calquera idade, profesión e condición, pero ambas as institucións destacaron “o especial interese que teñen en promover a participación das novas xeracións”.

A oitava edición do concurso de microrrelatos coincidirá no tempo cunha nova campaña de PuntoGal, engadiu o seu presidente, quen recorda que o dominio de Galicia ten como “función fundamental dar visibilidade á súa lingua e a súa cultura no ciberespazo”. Os rexistradores acollidos á promoción, que ofrece dous anos de rexistro por un máximo de 15 euros máis IVE, son Dinahosting, Openprovider, Don Dominio, OVH.com e INWX. As condicións desta promoción poden consultarse en dominio.gal ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.