
O Concello de Boiro recibiu da Deputación da Coruña unha subvención por importe de 4.843,72 euros para a investimentos da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Boiro. O alcalde, José Ramón Romero, visitou na mañá deste 31 de xaneiro a base de Protección Civil para coñecer os investimentos adquiridos.
O obxectivo desta subvención é “financiar a adquisición de investimentos tendentes a impulsar o mantemento e reforzo dos servizos que veñen prestando á cidadanía as agrupacións de voluntarios de Protección Civil”.
A adquisición que se fixo mediante esta subvención é a compra de maquinaria para intervencións tales como taladros, amoladoras, motoserras, sopradoras…
O rexedor sinalou que a finalidade deste material será facilitar as tarefas do servizo de Protección Civil e emerxencias tales como a atención en accidentes ou emerxencias de calquera tipo, así como a colaboración e apoio en materia de seguridade en probas deportivas e outros eventos.
O servizo de Protección Civil e Emerxencias do Concello de Boiro conta na actualidade cunha vintena de voluntarios que atenden todo tipo de emerxencias producidas no termo municipal, así como colaboración en dispositivos de outros concellos para eventos e actividades deportivas ou culturais e incidencias solicitadas polo CIAE 112 ou as forzas e corpos de seguridade tales como incendios, accidentes de tráfico, búsqueda de desaparecidos…



