Padrón acolle do 14 ao 18 de outubro a segunda edición da Mostra de Cinema Galego FOCO

13 Outubro 2026

Tras o éxito do ano pasado, Padrón volverá converterse esta semana nun punto de encontro arredor do audiovisual coa celebración da II Mostra de Cinema Galego FOCO, que nesta segunda edición amplía a programación. Desenvolverase entre mañá, mércores 14 de outubro, e o domingo 18 en diferentes espazos da vila.

O Concello presentou a cita hoxe na praza de Macías, nun acto no que participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Cultura, Yolanda Castro, xunto a Fernando Rodríguez, Peñaño, e Ismael Romarís, do colectivo FOCO, e no que xa quedou inaugurada a exposición dedicada a José Gil, pioneiro do noso cinema, que poderá visitarse na Praza de Macías ata próximo o 19 de outubro.

Esta é unha das novidades coas que chega a II Mostra de Cinema Galego FOCO. Así, nunha programación que se amplía de tres a cinco días, esta combinará as proxeccións, coloquios, obradoiros e propostas musicais dirixidas á veciñanza de todas as idades con actividades específicas para o alumnado do CEIP Rosalía de Castro e do IES Camilo José Cela. Ademais, estrearase a sección DaCasa, un novo espazo dedicado á mocidade creadora da comarca que nesta primeira edición contará cos traballos de Laura Sixto, Zeltia Iglesias e Telmo Portas.

Este ano, a Mostra renderá homenaxe a Manolo González, primeiro director da Filmoteca de Galicia e figura clave na recuperación e divulgación do patrimonio audiovisual galego, que recibirá o Premio FOCO pola súa traxectoria.

A programación da II Mostra de Cinema Galego FOCO abrirase este mércores 14 de outubro ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Padrón coa proxección da película As liñas descontinuas, longametraxe dirixida por Anxos Fazáns e recoñecida co Premio DAMA ao Mellor Guión de Película Española no Festival de Xixón, ademais de acadar once candidaturas aos Premios Mestre Mateo.

O xoves 15 a Mostra achegarase ao alumnado do CEIP Rosalía de Castro, que asistirá á proxección da curtametraxe A Marola, de Ángel de la Cruz, seguida dunha charla con Barry Elhadj, refuxiado de Guinea-Conakry. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá San Simón, de Miguel Ángel Delgado, un filme sobre a represión franquista na illa, acompañado dunha conversa con Mila Bouzón, investigadora e activista pola memoria histórica.

A actividade continuará o venres 16 cunha xornada especialmente ampla. O alumnado do IES Camilo José Cela participará pola mañá na proxección do documental Ao son da nova regueifa e nun obradoiro con Pinto d’Herbón e Luís O Caruncho. Pola tarde, o Centro de Día Iglemen acollerá Recollendo memoria, unha iniciativa de gravación oral das persoas usuarias destinada a preservar e poñer en valor a memoria colectiva.

Manolo González, Premio FOCO á Traxectoria

Ese mesmo venres, ás 19.00 horas no Auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo, proxectarase José Gil, fotógrafo e pioneiro, documental dirixido por Miguel Romero. No mesmo acto entregarase o Premio FOCO á Traxectoria a Manolo González e poderá verse tamén Voda en Padrón, 1929, unha filmación de tres minutos atribuída a José Gil que conserva imaxes dunha voda celebrada na vila padronesa hai case un século.

O sábado 17 arrancará cunha proposta para profesionais do sector: unha clase maxistral de animación de Max Puentes no Espazo Natur Hall Finsa. Puentes conta con máis de vinte anos de experiencia internacional traballando en empresas líderes da industria e participou en grandes producións na gran pantalla, ademais de en proxectos vinculados a videoxogos.

Pola tarde, a programación trasladarase á Fundación Rosalía de Castro, onde ás 18.00 horas se proxectará a curtametraxe BASAL, seguida dun coloquio coa súa directora, Ugía Pedreira. A xornada completarase cun concerto do trío Factoría de Subsistencia, liderado polo actor Josito Porto.

DaCasa, un escaparate para o talento xuvenil da comarca

A II Mostra FOCO despedirase o domingo 18 cun concerto da St. James Dixie Band polas rúas de Padrón ás 13.00 horas e coa estrea da sección DaCasa, ás 18.00 horas no Paraninfo da Fundación Camilo José Cela. Este novo espazo nace para dar visibilidade ao talento da mocidade creadora da comarca e contará cos proxectos de Laura Sixto, de Padrón; Zeltia Iglesias, de Rois, e Telmo Portas, de Pontecesures.

A padronesa Laura Sixto compartirá a súa experiencia profesional no audiovisual, onde participou en proxectos como Rapa, e falará do seu traballo como xefa de produción no videoclip Fai Tempo, do grupo musical The Rapants, ademais doutros proxectos nos que participa actualmente.

A programación desta segunda edición desenvolverase así en diferentes espazos do municipio, aos que este ano se suma a Fundación Camilo José Cela, e contará tamén coa participación activa do CEIP Rosalía de Castro e do IES Camilo José Cela, reforzando a vertente divulgativa e educativa da Mostra.

Todas as actividades da II Mostra de Cinema Galego FOCO serán de acceso gratuíto ata completar as capacidades, reforzando a vontade de achegar o cinema galego á veciñanza e aos visitantes que se acheguen a Padrón esta semana.

Outros artigos

O Culturgal Expandido recala esta semana en Muros

A edición 2026 do Culturgal Expandido chega esta fin de semana ao Mercado Municipal de Muros cunha programación gratuíta e para todas as idades. Na presentación do programa participaron Natividad Gonzalez, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; María Lago,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.