
O Concello de Boiro suma seis novos axentes ao cadro da Policía Local coa cobertura de prazas mediante a Oferta de Emprego Público. Os seis novos axentes tomaron posesión na mañá deste 15 de xaneiro. Fixérono xunto co alcalde, José Ramón Romero, o xefe da Policía Local, Raúl Frieiro, e o axente, Francisco Alcalde.
Os novos axentes superaron as probas realizadas na Academia Galega de Seguridade, onde agora comezan o seu período de formación durante seis meses como funcionarios en prácticas antes de incorporarse ao corpo da Policía Local de Boiro de forma definitiva no mes de xuño.
O alcalde, José Ramón Romero, desexoulles moitos éxitos nesta nova etapa que comezan: “Tedes por diante todas as posibilidades para o éxito na vosa carreira laboral, unha profesión dura pero moi gratificante cando se traballa con profesionalidade”.
Estas novas incorporacións, xunto cos procesos de cobertura de prazas que se están a levar a cabo para Oficiais e Inspector, o Concello de Boiro contará cun cadro de persoal na Policía Local acorde ás necesidades do municipio.