
O chef Nel Parada, do establecemento gastronómico Nordestada de Portosín, vén de ser nomeado para o Premio Cociñeiro Galego 2025 xunto con outros catro novos representantes do mellor da nosa cociña, uns prestixiosos galardóns impulsados por Galicia Fórum Gastrómico e que distingue a excelencia dos cociñeiros emerxentes que utilizan produtos de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas, colaboran con produtores locais e fan difusión destes valores.
O gañador do concurso elixirase sumando as votacións do público, a través da web, e o voto dun xurado profesional
Nel está ao mando dos fogóns do Nordestada, un restaurante emprazado a carón do mar, na dársena de Portosín, situado na lonxa vella da vila (no número 11 da praza do Curro). A súa cociña baséase na fórmula infalíbel da sinxeleza e o produto autóctono.
Nel Parada, tras pasar por distintas cociñas europeas e as santiaguesas Casa Marcelo, con dous Soles Repsol, e A Moa, outro clásico da cidade, acabou por curiosidade en Portosín, onde se alugaba unha pequena casa xunto ao porto.
Agora goberna o rumbo de Nordestada, dende onte tenta facer unha permanente homenaxe á súa historia convertendo os peixes de lonxa (sobre todo á brasa) nos grandes protagonistas.
A calidade e frescura do produto é unha das claves do local. Para asegurar estes dous factores, Nel ten contacto directo cos provedores; moitos levan o produto nada máis desembarcar en porto, outros vai recollelos ao propio barco ou á lonxa.