
O Partido Popular, a través do senador ribeirán Manuel Ruiz, presentou unha moción relativa á recuperación ambiental da contorna costeira da Pobra do Caramiñal, poñendo o foco na necesidade de seguir avanzando na rexeneración da paraxe da Ribeiriña onde estaba situada a antiga fábrica La Onza de Ouro e as súas inmediacións, que foi obxecto dunha actuación de rexeneración ambiental financiada con fondos do Plan de Recuperación por un importe próximo aos 800.000 euros: unha nova fase das actuacións comezadas en 2011 co derrube das naves e na que se buscaba reverter ao seu estado natural unha superficie que superou os 5.500 metros cadrados.
O senador lembrou na súa proposta que “para conseguir ese obxectivo, as tarefas comprenderon a demolición da chaira, diques e ramplas cun prazo de execución de oito meses”, incluíndo o proxecto a creación dunha senda litoral integrada na paisaxe e que serve como transición entre a costa e os núcleos de vivendas próximos.
Porén, para Manuel Ruiz, estes obxectivos “vense malogrados polo que consideramos unha mala decisión na execución das obras e que agora se demostra dando pé aos problemas de contaminación de hidrocarburos na propia ría de Arousa que se están producindo”. Ruiz trouxo a colación un informe remitido pola Demarcación de Costas da Coruña sobre as obras efectuadas no ano 2022 que “recoñece que na súa execución observáronse filtracións de cor negra na base do muro de bordo da parcela e atopáronse dous depósitos enterrados en moi mal estado que contiñan aínda hidrocarburos no seu interior”.
Na proposta ponse o foco na contaminación do pasado 9 de xaneiro, cando se produciu o primeiro episodio de vertedura de hidrocarburos por filtración á ría.
A moción faise este repaso dos feitos: “O Centro Integrado de Atención as Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu ao redor das seis e vinte da tarde do día 24 un novo aviso da aparición dunha mancha de hidrocarburo na lámina de auga da praia da Ribeiriña, na Pobra. Ao lugar foi mobilizado o equipo de garda da agrupación de Protección Civil da Pobra, integrado por voluntarios, que comprobaron como había unha vertedura contaminante que abrollaba entre a area e o muro de contención, que se levantou na zona e que antes da rexeneración dese espazo era ocupada pola antiga fábrica de conservas devandita, igualmente cara á zona desprazouse o buque Irmáns García Nodal, do Servizo de Gardacostas de Galicia para realizar traballos de batemento mecánico e para seguir a situación da vertedura sobre a lámina de auga”.
Na moción reclámanse as seguintes medidas para solucionar dunha maneira definitiva este problema.
1- Solicitar do Ministerio de Transición Ecolóxica a solución definitiva, o máis axiña posíbel, dos problemas de contaminación derivados da execución das obras de rexeneración levadas a cabo no lugar da Ribeiriña ,no en Concello da Pobra.
2- Levar a cabo un estudo que permita coñecer o estado actual do chan no que levaron a cabo as obras de rexeneración do litoral e a retirada de depósitos de hidrocarburos.
3- Que con urxencia se proceda á contención da contaminación, para evitar a súa dispersión e a súa afección a a ría de Arousa.



