Emoción na visita de Melchor, Gaspar e Baltasar á Pobra

05 Xaneiro 2025

Os Reis Magos enchoupan de maxia A Pobra do Caramiñal a pesar da choiva

A Pobra do Caramiñal viviu un 5 de xaneiro cheo de ilusión coa chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar, que non faltaron á súa tradicional visita a pesar das adversidades meteorolóxicas. A chuvia obrigou a cancelar o percorrido polas parroquias e a cabalgata habitual, pero non conseguiu apagar as ganas de ver ás súas maxestades do Oriente, que concentraron toda a súa maxia no polideportivo municipal de Venecia.

A xornada comezou cunha visita á residencia de maiores, onde os Reis saudaron ás persoas residentes, levando un anaco de ilusión aos máis veteranos. Posteriormente, desprazáronse ao pavillón, que estaba ateigado de familias e crianzas desexosas de vivir a maxia dun día tan especial.

Espectáculos e tradicións nun ambiente cheo de ledicia

A celebración, organizada pola Concellaría de Servizos Municipais, contou cunha posta en escena espectacular da man de Barafunda Animación e Pablo Méndez Compañía. O público gozou de zancudos, aves do paraíso, anémonas e bolas de Nadal que fixeron do pavillón un espazo máxico. Co acompañamento musical do grupo Trécola, os Reis Magos fixeron a súa entrada triunfal, sendo recibidos entre aplausos e sorrisos.

Unha vez alí, a Pobra do Caramiñal transportouse a Belén grazas a unha “máquina do tempo”, recreando a ofrenda do ouro, incienso e mirra ao neno Xesús, coa estrela do Oriente guiando o camiño das súas maxestades.

Mensaxes de ilusión, solidariedade e comunidade

O alcalde, José Carlos Vidal, abriu o acto cunha benvida cargada de bos desexos de solidariedade e paz para a vila. A continuación, os tres Reis Magos tomaron a palabra. Baltasar emocionou a todos ao recoñecer que “a maxia deste día durará ata que volvamos vernos no vindeiro ano, convertendo os vosos soños en realidade”.

Gaspar destacou a ledicia e a ilusión reflexadas nos rostros do público: “Os ollos son o espello da alma, e a vosa ledicia é o reflexo da maxia deste día”. Tamén repasou algunhas das peticións feitas polos máis pequenos.

Melchor, pola súa parte, sorprendeu co seu truco de maxia con tres moedas, que provocou abrazos e sorrisos entre os asistentes, enchendo o pavillón de agarimo e boas vibracións.

A festa continúa

A celebración prolongouse durante toda a tarde con música, animación e unha degustación de roscón de Reis acompañado de zumes. Mentres tanto, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de entregar as súas últimas cartas e peticións ás súas maxestades.

Para quen queira revivir este día inesquecible, o Concello da Pobra do Caramiñal puxo a disposición o acto completo nas súas plataformas de Facebook e YouTube. Unha xornada que, malia a choiva, quedará gravada na memoria de todos como un exemplo de como a maxia dos Reis Magos pode superar calquera adversidade.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.