A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un punto de vertido de augas residuais de carácter municipal no concello coruñés de Lousame, concretamente na parroquia de San Xoán de Camboño.
O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) dependente do organismo hidráulico detectou a incidencia no transcurso dos labores de control e seguimento rutineiros que desenvolve periodicamente para verificar o estado da rede do municipio.
Segundo explicaron fontes de Augas de Galicia, os técnicos localizaron un vertido de augas residuais procedentes dun sistema depurativo do lugar que presentaba “unha serie de deficiencias estruturais”, as cales “facían que as augas fosen vertidas sen ningún tipo de tratamento ao dominio público, onde remataban por infiltrarse e acadaban o curso do rego Hornanda”.
Unha vez detectado o foco e localizada a súa orixe, o persoal de Augas de Galicia instou ao titular a levar a cabo as accións e medidas necesarias para emendar a situación.
Posteriormente, no marco dunha nova inspección xirada á zona, comprobouse que xa foran corrixidas as deficiencias detectadas, logo de que se levara a cabo logo o selado das fisuras e un correcto mantemento do sistema de depuración.



