A viaxe familiar a Eurodisney patrocinada por CONGALSA no marco da campaña pobrense “Volta o Nadal, voltan as Caramiñas” xa ten gañadora

17 Xaneiro 2025

A campaña municipal Volta o Nadal, voltan as Caramiñas finaliza coa entrega da viaxe para catro persoas a Eurodisney patrocinada pola empresa local CONGALSA. Marta Domínguez converteuse na gañadora do sorteo deste premio que lle permitirá poñer rumbo xunto coa súa familia a este complexo turístico-recreativo e de vacacións situado en París. E, para iso, recibiu o cheque regalo das mans da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e da xefa de Relacións Externas de CONGALSA, Ana Garrido.

Esta experiencia é o colofón á acción orientada ás redes sociais posta en marcha pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal co obxectivo de dinamiza-la localidade a nivel social e económico durante o Nadal. En canto á dinámica, puideron participar todas aquelas persoas que subisen ás súas historias do Instagram fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal distribuídos por todo o núcleo urbano. Para contabiliza-las instantáneas cara o sorteo, había que menciona-la conta @caraminhasnapobra e, en caso de te-lo perfil privado, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social.

Entre os días 1 e 31 de decembro sorteáronse 200 euros diarios en formato de caramiñas para trocar nos negocios locais adheridos, mentres que no 5 de xaneiro rematou o prazo para optar a gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da actividade.

Os datos constatan que o nivel de participación medrou con relación ao pasado ano, como detallou a edil. Cerecedo cualificou a campaña como “todo un éxito” por segundo ano consecutivo. Para referenda-las súas palabras, indicou que se pasou das 3.878 participacións na primeira edición ás 5.298 desta. Neste senso, referiuse a esta iniciativa municipal “como unha boa fórmula para atraer xente ao noso municipio e que a nosa veciñanza teña propostas diferentes por esas datas tan significativas ao mesmo tempo que se contribúe ao movemento económico no comercio local. Ademais, esta medida sirve para poñer en valor o noso tecido comercial, para achega-los establecementos locais á xente, cada vez máis acostumada á compra en grandes superficies e plataformas online, sobre todo, a mocidade. Queremos así que coñezan os establecementos que hai na Pobra, os produtos e servizos de calidade que estes ofrecen e, por suposto, os e as comerciantes que garanten unha atención personalizada.” Agradeceu, así mesmo, a implicación un ano máis de CONGALSA “apoiando novamente esta campaña no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa para que o seu compromiso coa sociedade pobrense transcenda o ámbito de creación de emprego”.

A este respecto pronunciouse tamén a xefa de Relacións Externas da empresa, Ana Garrido, para quen “en CONGALSA cremos firmemente na importancia de contribuír ao desenvolvemento social e económico da nosa contorna e iniciativas como esta, que non só fomenta a participación das familias, senón que tamén xera dinamismo na nosa zona, e que son clave para fortalece-los lazos entre as empresas e o tecido social local”.

Pola súa parte, a agraciada manifestou a súa sorpresa cando recibiu a noticia, pero que estaba moi contenta e ilusionada.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...