A veciñanza de Rianxo e Dodro ten o 8 de febreiro unha cita co bus do teatro do CDG para asistir en Santiago á obra “Nada se sabe”

28 Xaneiro 2025

O vindeiro 8 de febreiro as veciñas e veciños de Rianxo e Dodro teñen unha cita co teatro. Grazas ao bus fretado polo Centro Dramático Galego, poderán asistir en Compostela, no Salón Teatro, á representación da obra Nada se sabe que pon en escena o CDG.

Previamente, o bus do teatro fixo unha excursión a Santiago dende Ribeira, tal e como sinalamos dende este medio os días pasados.

Estamos ante unha peza, con texto de Manuel Lourenzo e que dirixen Ignacio García e Fran Rei, que nos pon ante catro personaxes con discapacidade falan e cuestionan o xeito no que a sociedade na que vivimos trata a diferencia e aos diferentes.

A función será o vindeiro sábado 8 de febreiro cun prezo de 5 euros. O autobús sairá de Rianxo ás 15.45 dende a praza do Auditorio e en Dodro sobre as 16.00 horas dende a praza do Concello en Tallós. A función é ás seis da tarde e a hora de volta prevista, tras a función, as oito da tarde.

A veciñanza de Rianxo e Dodro ten máis información e inscricións no 981 100 688 ou a través da conta de correo cultura@concelloderianxo.gal (no caso de Rianxo) e na Casa da Cultura e no 981 802 472 (no caso de Dodro).

Nada se sabe constitúe a primeira obra de teatro inclusiva, impulsada polo Centro Dramático Galego xunto coa cooperativa Culturactiva. Conta coa presenza de catro intérpretes con discapacidade cuestionando sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferencia que facemos como sociedade. Esta é a premisa da que parte Nada se sabe, unha coprodución teatral do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións, dirixida por Ignacio García e Fran Rei, con texto orixinal de Manuel Lourenzo.

Nas súas palabras, estamos ante “unha proposta integradora no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia, formulado como dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo”. A función conta con servizos de accesibilidade  de diferentes tipos: visita táctil previa á función, destinada a que as persoas invidentes fagan un percorrido polos elementos físico do espectáculo, isto é, escenografía, vestiario e elenco; un servizo de audiodescrición tamén para invidentes, e interpretación en Lingua de Signos durante a función.

Público de máis de 40 concellos
Coma en anteriores producións da compañía pública, con Nada se sabe estará operativa a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que nestes momentos xa ten programados 23 buses gratuítos con parada en máis de 40 concellos galegos para facilitarlle o desprazamento a Santiago ao público de toda Galicia, incluído o desprazamento dende Barbanza.

Para estas representacións no Salón Teatro, habilitáronse diferentes sistemas de accesibilidade para o público, como interpretación en lingua de signos en todos os pases, programa de lectura fácil ou audiodescrición para os espectadores que a soliciten previamente no despacho de billetes e dispoñan de auriculares propios.

Así mesmo, unha hora antes das funcións dos sábados e domingos terá lugar unha visita táctil para aquelas persoas con discapacidade visual que desexen experimentar un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, mentres que ao rematar o pase dos venres o público terá a oportunidade de participar nun coloquio co equipo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...