A sala de exposicións da Casa da Cultura de Portosín acolle estes días a exposición Do mar e da terra, con entrada libre. Trátase dunha mostra itinerante impulsada pola Deputación da Coruña coa que se busca difundir exemplos concretos e reais de innovación, calidade, éxito e compromiso co rural e co mar que existen na provincia, poñendo o foco en impulsar a remuda xeracional e en contactar coas novas xeracións e lembrarlles as importantes oportunidades que lles brindan os sectores tradicionais mariñeiro, marisqueiro e agrogandeiro.
Do mar e da terra destaca o exemplo de produtores da provincia da Coruña que demostraron o éxito dos seus proxectos, algúns deles dando o paso para transformar tamén o seu produto de calidade ou establecer sinerxías con outros emprendedores. #DoMaredaTerra salienta tamén factores chave como a importancia crecente dos criterios de sustentabilidade neste camiño de emprendemento ou o decisivo protagonismo da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural. “A importancia dos nosos sectores produtivos primarios como vertebradores e fortalecedores do noso tecido social e económico queda reflectido nesta iniciativa #DoMaredaTerra”, afirmou Cristina Capelán na presentación da mostra itinerante, o pasado mes de outubro.
A exhibición divulgativa está integrada por paneis expositivos e por material didáctico interactivo adicional, dispoñíbel na Rede para o seu uso nas escolas e accesíbel a través de computador, tableta, smartphones ou encerado electrónico. Estes contidos educativos foron deseñados para realizar unha sesión didáctica completa nas aulas de primaria e secundaria.
