A CeMIT de Ribeira comeza o ano cunha completa axenda de formacións e probas tecnolóxicas

15 Xaneiro 2025

O Concello de Ribeira presentou este 15 de xaneiro a programación formativa do primeiro trimestre da 2025 da Aula CeMIT local. A axenda foi debullada polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos. O programa inclúe probas (o exame EMA), formación en competencias dixitais básicas e avanzadas e capacitación tecnolóxica para os programas de emprego do Concello de Ribeira.

Exame da Plataforma EMA

Suárez-Puerta puxo o foco no Exame da Plataforma EMA que se celebrará o vindeiro mércores 29 de xaneiro (de 11.00 a 12,00 h) e dixo que se trata dunha serie de probas que se teñen que facer de forma presencial nas aulas CeMIT, exclusivas para as persoas que remataron os cursos de formación a distancia na plataforma EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe), servizo de autoformación que a través da súa páxina permite aos usuarios da rede CeMIT facer cursos en liña con dereito a diploma. Unha vez rematados os cursos (un ou máis de un), para acadar dito diploma deben facer o exame nunha Aula CeMIT o día que a aula teña reservado para o Exame da Plataforma EMA.

O concelleiro explicou que dentro da páxina da plataforma hai 2 apartados dispoñíbeis para os usuarios. Por unha banda a sección Competencias Dixitais na que o usuario pode facer os 6 cursos que compoñen a Autoformación COMDIX, e ao rematalos, acadar un diploma de aproveitamento facendo o correspondente exame EMA nunha aula CeMIT. Pola outra, o apartado chamado Catálogo de Cursos, no que hai dispoñíbeis unha gran variedade de actividades formativas segundo a categoría que se elixa: Alfabetización Dixital (formación dixital básica, seguridade TIC básica, seguridade informática ou dispositivos móbiles), Capacitación Dixital (capacitación avanzada; formación a empresarios e emprendedores; eAdministración; redes sociais, ocio e operacións dixitais; imaxe, audio e vídeo; edición de imaxe; montaxe de audio; montaxe e creación de vídeo; seguridade TIC avanzada, seguridade informática; ofimática, LibreOffice e ferramentas do paquete libre de ofimática; e innovación social).

O concelleiro tamén informou que durante todo o mes de febreiro do luns día 3 ao xoves día 27 (agás os venres) celebrarase o Curso de Competencias Dixitais Básicas (25 horas), en horario de 10.00 a 11.30 horas. Abordaranse cuestións como as distintas versións e sistemas operativos dispoñíbeis; procesos como inicio, apagado, hibernación de equipos; programas básicos (navegadores, explorador de arquivos, visor de imaxes, pestanas, historial, favoritos, páxinas de inicio, buscadores preferidos, borrado de caché…); xestión de arquivos e cartafoles; como diferenciar as extensións máis comúns; como empregar o correo electrónico, videoconferencias básicas, identidade dixital…; como usar as ferramentas ofimáticas básicas (procesador de textos, follas de cálculo, presentacións…); como garantir sesións seguras (rutinas para unha navegación protexida, antivirus, etc); e nocións sobre o mantemento do sistema operativo (actualizacións, limpezas).

Pola outra banda Betanzos anunciou os diferentes cursos que se impartirán na Aula CeMIT correspondentes ao obradoiros Tahume X e o PIE (Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira). Serán todos os venres desde o 31 de xaneiro ata o 21 de marzo:

Curso de Alfabetización Informática para os usuarios do Obradoiro Tahume (36 horas). Con horario de 09.00 a 13.00 h abordaranse cuestións como os sistemas operativos, os periféricos, os tipos de arquivos e a súa visualización, a impresión e o escaneo de documentos, como traballar en rede (iniciación ao Drive), como empregar o correo electrónico e Internet e como tirar proveito dos programas e aplicacións de ofimática.

Cursos para o Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. Levaranse a cabo en marzo 2 cursos intensivos de informática básica (nivel 1) para os novos usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira (16 horas cada un). O primeiro grupo do luns 10 ao xoves 13 en horario de mañá e o segundo de luns 16 ao xoves 20, en horario de mañá. Afondarase nas seguintes cuestións: como aprender a diferenciar e a usar as diferentes partes ou compoñentes do computador; como aprender a utilizar as distintas aplicacións e programas instalados (sobre todo LibreOffice: Writer, Calc, Impress); como aprender a navegar pola Rede de forma segura e como manexar o buscador Google, o correo electrónico e a ferramenta Drive; como empregar as distintas ferramentas para a procura activa de emprego a través da Rede, envío/elaboración do currículo, autocandidaturas…

Suárez-Puerta pechou o acto dando as grazas á veciñanza polo interese que espertan estes cursos e sinalou que “sempre procuraremos atender a demanda específica e contextual para avanzar no nivel de dixitalización dos veciños e veciñas”.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...