
Trala boa resposta obtida nos anos anteriores, a ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira retomará durante este mes de febreiro do 2025 os Obradoiros de Igualdade Emocional baixo o epígrafe Espertando a forza interna. Unha actividade para que a ANPA espera obter o apoio da Secretaría Xeral de Igualdade coas axudas ás asociacións de nais e pais destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e rexeitamento da violencia de xénero, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Con esta actividade, sinalan, “confiamos seguir aportando recursos que axuden a diminuír as taxas de ansiedade, violencia, bullying ou suicidio entre a mocidade, rompendo as estatísticas e diferenzas entre os xéneros”.
Contarase un ano máis coa psicóloga sanitaria Carmen Hermo, especialista en Mediación e en Psicoloxía de Emerxencias, membro da GIPCE (Grupo e Intervención en Catástrofes e Emerxencias) con ampla experiencia neste tipo de programas dirixidos ao alumnado infantil e adolescente.
Consta de 3 obradoiros, un para cada aula de 3º da ESO. Os 75 alumnos e alumnas recibirán un total de 6 horas repartidas en 4 sesións de hora e media cada unha á semana.
Cunha metodoloxía que inclúe dinámicas de traballo en grupo, exercicios de mindfullness e conduta corporal, estes obradoiros teñen como obxectivo principal “que o alumnado adquira habilidades para afrontar as situacións de frustración, estres ou incerteza ás que se enfrontan no seu día a día”, achegando recursos aos adolescentes para aceptarse, adaptarse e aceptar ao resto de adolescentes nunha sociedade que tamén teñen que aceptalos a eles.
Na 1ª sesión traballarán a contextualización “xa son un loitador/a” para que o alumnado caia na conta de que xa loita a diario enfrontándose aos cambios propios da súa etapa evolutiva, da súa idade, identidade de xénero, cambios físicos, psíquicos, sociais e educativos. Así como, os sistemas de regulación emocional que posúen.
Na 2ª sesión descubrirán os mecanismos que manteñen a ansiedade e a desesperanza, e as ferramentas emocionais para o afrontamento de diferentes situacións estresantes (como pode ser o rexeitamento social ou o acoso escolar).
Na 3ª sesión traballarán as ferramentas do loitador/a: coraxe, temperanza, disciplina e celebración. Practicarán estratexias para a regulación emocional.
Na 4ª sesión adestrarán ao seu loitador/a, identificarán os factores de protección e as accións de autocoidado para previr o desgaste emocional.
“Confíamos en que os nosos e nosas adolescentes poidan crecer no eido emocional ao tempo que lles proporcionamos ferramentas para entender a etapa evolutiva pola que están a pasar, xa de por si complicada, a loitar contra o desgaste emocional, o déficit de interaccións sociais saudábeis, o estrés, o rexeitamento social ou o acoso escolar”, sinalan dende a ANPA de Ribeira.


