
Este domingo 29 de decembro presentarase durante un roteiro polas minas de San Fins a obra premiada por Buxa – Asociación Galega do Patrimonio Industrial nos seus premios de investigación bianuais. Na edición 2023-2024 resultou galardoada a obra As minas dos ingleses: San Finx até à Primeira Guerra Mundial, da autoría de Joám Evans Pim.
Buxa e Edicións Ézaro veñen de publicar este semana o libro coa obra premiada, que recolle o período máis escuro e menos coñecido das históricas minas de estaño e volframio de Lousame: o comprendido entre a descuberta do xacemento pola familia inglesa dos Burbury ata o estalido da Primeira Guerra Mundial. Nas súas 180 páxinas a obra revela de xeito minucioso os primeiros 30 anos da explotación mineira.
Na actividade prevista para a tarde do domingo percorreranse da man do autor da investigación os lugares asociados a esta primeira época da explotación: desde o cuartel de traballadores construído en 1897 ata un polvorín e os restos do Pozo Mestre. Tamén se visitará unha galería mineira que funcionou neste período.
A participación do evento é gratuíta e sairase ás 16:00 desde o Museo Mineiro, onde as participantes tamén poderán adquirir copias da obra que en breve estará igualmente dispoñible nas bibliotecas da comarca.



