O Laboratorio Ecosocial do Barbanza pon en valor a rehabilitación de solos nos montes de Rianxo

07 Decembro 2024

O grupo de investigación UXAFORES da Universidade de Santiago de Compostela está a realizar unha análise exhaustiva de solos no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, no que participa a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación UXAFORES – Unidade de xestión ambiental e forestal sostíbel, que se encarga de desenvolver a Acción 4.

Esta actuación ten como obxectivos a mellora da fertilidade dos solos mediante emendas baseadas en residuos ou subprodutos abundantes na zona, así como o incremento dos stocks de carbono e biodiversidade nas comunidades de montes de Rianxo. Nesta actuación participan a Plataforma pola Defensa do Monte e a Comunidade de Montes de Baroña, como entidade socia e colaboradora, respectivamente, do Laboratorio.

A acción 4 do Laboratorio recibiu un financiamento de 224.881,03 € da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Segundo Esperanza Álvarez, catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola no Campus de Lugo e coordinadora do grupo UXAFORES, “a mellora da xestión forestal dos montes é outro dos retos clave; con este traballo buscamos optimizar a sustentabilidade e a rendibilidade das comunidades de montes”. Ao longo deste ano, desde UXAFORES realizouse unha intensa recollida e análise da fertilidade física, química e biolóxica dos solos en diferentes puntos das comunidades de montes de Rianxo: as CMVMC de Leiro, Taragoña, Isorna, Ferreira-Campelo, Paradelo e Araño, así como na CMVMC de Baroña.

Nos montes destas comunidades, tomáronse mostras de solos en parcelas situadas nas partes altas, medias ladeiras e zonas baixas. En cada unha destas zonas, seleccionáronse parcelas segundo diversos criterios, como a vexetación presente (diferenciando entre piñeirais, eucaliptais, frondosas e matogueiras), idade das masas forestais (plantacións novas ou adultas), tipo de xestión (sen xestión ou con algún tipo de xestión) e grao de afectación por incendios (non afectadas, queimadas nos últimos 2 anos, entre 3 e 10 anos, ou hai máis de 10 anos).

Tamén se recolleron mostras en parcelas nas que as comunidades de montes aplicaron xestións específicas para evitar incendios e buscar usos alternativos do monte: 1) introdución de gando; 2) eliminación de acacias; 3) eliminación de eucaliptos. En todas as mostras de solos analízanse propiedades físicas, químicas e biolóxicas, como a capacidade de intercambio catiónico, profundidade, textura, humidade, densidade aparente, contido de materia orgánica, pH, nutrientes dispoñibles e actividade microbiana, entre outros.

Unha vez coñecida a fertilidade dos solos, a seguinte fase consistirá na aplicación de emendas a partir de residuos de distintas orixes: forestais (restos de corta e serradura), agrícolas (esterco), alimentarias (cunchas de mexillón) e mesmo algas. Analízanse en cada residuo parámetros como pH, contido de materia orgánica, C, N, C/N, macro e micronutrientes.

A partir dos resultados, e tendo en conta o estado nutricional dos solos, deseñaranse diferentes tratamentos que se aplicarán en parcelas experimentais con maiores problemas de fertilidade. Primeiro realizarase un ensaio en macetas para avaliar o comportamento dos residuos de forma individual e en mesturas. Posteriormente, estes tratamentos aplicaranse no monte, dispoñendo catro parcelas para cada tratamento. Pasados 6 e 12 meses, realizaranse novas mostras de solo e un inventario da vexetación para avaliar a eficacia dos tratamentos.

En paralelo a estas accións, unha parte esencial da Acción 4 é a difusión dos coñecementos adquiridos. “A participación activa das comunidades locais na xestión dos recursos naturais é crucial para o éxito a longo prazo”, sinala Ana Barreiro, docente investigadora integrante do grupo UXAFORES. Mostra disto foi a xornada celebrada o pasado 19 de novembro no CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo, onde o equipo científico de Edafoloxía ofreceu unha charla ao alumnado sobre os traballos realizados nos montes da súa contorna.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.