O Concello de Rianxo compartiu a axenda de actividades para este Nadal 2024-2025, unha listaxe de propostas na que tamén colabora arreo o tecido asociativo rianxeiro. A axenda, que podemos consultar ao completo na web municipal, terá no Auditorio un dos seus grandes centros de actividade, comezando este 14 de decembro co Festival de Nadal da AMBT Vai de Roda (ás 18h) e co Festival de Nadal da Escola de Música de Rianxo, que se realiza en catro quendas o 20 (ás 20h), o 21 (ás 11h), o 22 (ás 11h) e, tamén, o 22 (ás 18h).

Ademais, na mesma xornada do 21 desenvólvese a XIX edición do Festival de Corais de Arousa Ulla (ás 20.30). Participan a Coral Abrente da Pobra, a Coral Cantigas do Castro de Baión e a Coral Abraira de Asados-Rianxo.
O 27 de decembro será o Concerto de Fin de Ano da ESMU de Rianxo, ás 20h, e o 28 o Festival de Nadal da Asociación Fogo Fatuo, ás 20h.
Ademais, entre o 13 de decembro e o 10 de xaneiro pódese visitar no Auditorio a exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984, con fotografías de Xan Carballa.




