
Na mañá deste 9 de decembro o presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Luis Pérez Barral, e Santiago García, representante da Asociación Cultural Alberto Romero asinaron un convenio de colaboración coa finalidade de colaborar, impulsar, difundir e promocionar as actividades creadas pola Asociación Cultural Alberto Romero. Acompañáronos neste acto, María Outeiral, concelleira de cultura e turismo de Boiro e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.
A Asociación Cultural Alberto Romero ten como obxectivo principal a promoción da cultura audiovisual a través do seu Certame de Curtas que celebra o vindeiro ano a súa 9ª edición nos concellos de Barbanza Arousa (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) e que, segundo valoraron dende a Mancomunidade, conta con moi boa acollida entre o público en xeral.
Dende Barbanza Arousa comprométense con este convenio a colaborar na realización do proxecto VII Certame Audiovisual Alberto Romero de curtas no que participan nenas/os desde Primaria ata rapazas/es de Bacharelato, ademais de contar cunha categoría para usuarias/os dos centros de diversidade funcional e outra categoría libre aberta a todos aqueles que queiran participar.
Nesta edición, continúase coa categoría introducida hai dous anos e que se denomina Barbanza Arousa, que busca a posta en valor do territorio a través dos seus recursos patrimoniais, natureza e historia reflectidos nos audiovisuais. Na cita cos medios explicaron que esta categoría ten unha temática diferente cada ano, estando relacionada nesta ocasión, co noso mar. Trátase dunha temática que consiste en valorizar a ría de Arousa como protagonista da vida diaria da xente dos concellos da Mancomunidade e tamén das persoas que os visitan e que desfrutan das praias e paisaxes.
Os premios que serán entregados nesta 9ª edición ascenden a 1.800€, estando xa aberto o prazo de inscrición ata o 28 de febreiro do 2023.
De forma paralela ao certame realízanse formacións nos catro concellos de como realizar unha curtametraxe.
Con este acordo, a entidade supramunicipal, continua co seu plan de traballo no que realiza unha profunda aposta pola “mellora do eido cultural, así coma a consolidación do turismo cultural e creativo coma unha forma de posicionamento do territorio”, segundo manifestou Luis Pérez Barral, presidente da Mancomunidade.




