
O Concello de Boiro, xunto coa Asociación Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, organizan un ano máis a Cabalgata de Reis que está prevista para o vindeiro domingo 5 de decembro de 2025. O alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Cultura, María Outeiral; e membros da Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, realizaron a presentación.
A saída da Cabalgata está prevista para as 17.45 horas da Magdalena, pasará polo Sequelo, Ponte Goiáns e a rúa Principal, onde haberá unha zona sen ruído, para chegar á praza de Galicia onde terá lugar a recepción por parte das SSMM os Reis Magos de Oriente a todos os nenos e nenas. De regreso a Escarabote pasará pola rúa peonil e percorrerá a estrada xeral para rematar o percorrido no Centro Social como se viña facendo de costume.
A comitiva estará formada por 8 carrozas, incluídas as dos tres Reis Magos, o nacemento e os camelos. Contará tamén con animación musical a cargo da banda OJE de Ferrol, o grupo Arume, Os Caraveiros e a charanga Equipo B, ademais dos tradicionais personaxes como os facheiros (antorcheiros) e espadeiros que cada ano forman parte do desfile.
Para a recepción das SSMM os Reis Magos de Oriente na Praza de Galicia haberá preparada unha gran festa con chocolatada e animación con DJ Matrek dende as 18.00 horas.
O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a implicación de todas as persoas que forman parte da comitiva e que “fan posíbel esta cabalgata que é o día máis máxico e máis importante para os nosos nenos e nenas”.
Como xa é tradición, as Raíñas Magas adiantaranse ás SSMM e visitarán todas as parroquias do municipio o sábado 4 de xaneiro durante todo o día, comezando ás 11.30 horas en Abanqueiro, Cespón e Bealo, cunha hora de marxe en cada sitio, e continuarán pola parte a partir das 16.00h por Macenda, Cures, Escarabote, Cabo de Cruz e finalizará en Boiro.



