Finalmente celebrouse este domingo 22 de decembro a gran festa deportiva do Barbanza nesta recta final do ano: a carreira Sin-Son 10k 2024, unha edición que contou con Adrián Ben como padriño de luxo e na que participaron máis de 1.500 deportistas procedentes de todos os recantos de Galicia e do mundo. Incluída no calendario oficial de probas da Federación Galega de Atletismo, contou coa participación do presidente galega Alfonso Rueda e do alcalde Luis Oujo, dous habituais deste evento deportivo que, como se indica no seu nome, achega de 10 quilómetros de distancia litoral a percorrer entre as vilas de Portosín e de Porto do Son.

En canto ao padriño desta carreira, Adrián Ben, campión europeo de atletismo en pista cuberta (en 2023) e diploma olímpico, foi o convidado especial desta edición, achegando finalmente unha actuación do máis completa: impúxose na carreira, na modalidade masculina, cun tempo de 29 minutos e 37 segundos. O podio foi completado por David de la Fuente e Jorge Puig. Na categoría feminina a gran protagonista foi a atleta venezonala Edymar Brea, que acadou un tempo de 33 minutos e 54 segundos, seguida por Laura santos e Sandra Mosquera.
Previamente á Sinson, o sábado 21, celebrouse a xornada escolar coa participación de medio milleiro der rapazas e rapaces, dende a localidade de Portosín (zona portuaria) e servindo como antesala da proba raíña.

Na xornada do domingo tivo, outra edición máis, a carreira inclusiva, na que nesta edición participarán a Fundación Enky e Discamino. O Concello (organizador da proba) quixo agradecer a presenza das e dos deportistas que apostaron un ano máis por ese impresionante percorrido costeiro da nosa comarca, e tamén a colaboración da veciñanza; dos patrocinadores, colaboradores, axudantes e auxiliadores; das superheroínas e superheroes voluntarias/os; da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Porto do Son; e tamén das Ambulancias Compostela e da Cruz Vermella de Noia. Tamén houbo palabras de agradecemento ás ANPAs locais, clubs e asociacións de Porto do Son, e igualmente ás entidades EnkiProyecto, DisCamino e Ambar.




