
As inmediacións da Casa Consistorial da Pobra do Caramiñal prepararanse no 31 de decembro, a partir das 11.30 horas, para as badaladas do mediodía coas que recibir o 2025 presentadas polo cómico e actor Oswaldo Digón. Repartiranse uvas e cotillón.
Ao acto asistirán membros da corporación municipal baixo a presidencia do alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
“Repetimos por segunda vez esta actividade dada a gran aceptación e como un momento para que a veciñanza de tódalas idades vivamos en conxunto a entrada no novo ano. Trátase, ademais, dunha alternativa de lecer para quen non opte por saír pola noite”, declarou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto ao seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido.
Como dixemos, será o cómico Oswaldo Digón quen se encargue de conducir este acto para que, cando o reloxo marque as 12.00 horas, a veciñanza se dispoña a comer as doce uvas. Previamente, a partir das 11.30 horas, estarase facendo entrega nas inmediacións das uvas e do cotillón.
Deseguido, os Festicultores levarán a música por todo o núcleo urbano animando o ambiente, a partir das 12.15 horas. Pola noite, o toldo situado na praza Alcalde Segundo Durán converterase en punto de encontro coa celebración da festa de Aninovo con DJ e cotillón, das 01.00 horas en diante.
DÍA: martes 31
HORA: a partir das 11.30 horas
LUGAR: inmediacións da Casa Consistorial da Pobra do Caramiñal.



