A Fundación Juana de Vega distingue o traballo da Comunidade de Montes de Baroña

05 Decembro 2024

A Fundación Juana de Vega distinguiu o traballo da Comunidade de Montes de Baroña que, grazas á diversificación, logrou a substitución xeracional na súa contorna de actividade. O recoñecemento (II Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario) entregouse esta semana pola exemplaridade da Comunidade e pola súa capacidade para transferir modelos de xestión e produción a outras comunidades de montes de Galicia. “Son unha referencia de éxito na explotación e aproveitamento sostíbel dos seus recursos ao tempo que xestionan e coidan o territorio, crean emprego na contorna e potencian a remuda xeracional”, explicou o xurado da fundación, na presentación do XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias.

A cita foi este luns 2 de decembro na sede da Fundación Juana de Vega, que se converteu durante a xornada nun lugar de encontro para emprendedores e empresas que apostan por crear riqueza no rural con iniciativas propias vinculados ao territorio. Durante o evento final do XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, o denominado demoday da edición 2024, Ovidio Queiruga (xerente da Comunidade de Baroña) e as/os representantes doutros proxectos galegos (unha decena) subiron ao estrado para expoñer os detalles de cadansúa iniciativa.

A benvida do evento correu a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, quen recordou que o Programa de Apoio está en liña coa misión da entidade e tamén “co espírito liberal e solidario da gran muller que creou esta entidade”. O primeiro que fixo durante a súa intervención foi recoñecer o esforzo e valentía destes dez promotores: “A riqueza dunha sociedade depende moito dos que se arriscan para poñer en marcha proxectos novos, que conecten coa demanda do mercado. Crean postos de traballo e xeran dinamismo para adaptármonos aos tempos de cambio. Necesítase xente con iniciativas, que son tamén as ilusións da súas vidas”, explicou ao tempo que recoñecía o valor das novas ideas, do coñecemento e da aprendizaxe constante. “Como vós, que neste programa sodes alumnos, pero tamén profesores”.

Ovidio Queiruga explicou como definiron a folla de ruta para poñer en marcha un centro de transformación para elaborar, sobre todo, frescos e embutidos coa carne dos animais criados nos seus montes, principalmente poldro. “Para nós foi moi importante estar neste programa porque non é só facer as cousas con cariño e ilusión, teñen que ser rendíbeis”, apuntou.

Ademais do premio á Comunidade Baroña, o xurado decidiu conceder un accésit ao proxecto de Jose Caridad valorando que, igualmente, o seu proxecto axuda á recuperación e xestión do territorio ao tempo que crea un modelo de negocio exportable en base a unha carne de gran calidade.

O premio equivale a outras 30 horas de asesoramento e acompañamento e o accésit, a 15.

O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega mantén con fondos propios desde 2012 para axudar ás persoas que queren traballar por conta propia no medio rural de Galicia.

Durante un ano, aos emprendedores ofréceselles formación e asesoramento gratuíto para a implantación das súas ideas de negocio; e no caso de empresas existentes, apoio técnico para abordar proxectos de innovación, mellora ou expansión. Ata o momento levan participado máis de 120 persoas, entre elas os fundadores de marcas coñecidas e recoñecidas como TasteLab, Galo Celta, Innogando, TrasDeza Natur, as cooperativas Terras da Mariña, A Carqueixa, Vélaro (I Premio en 2023), etc. e tamén moitas outras de pequenos promotores.

A inscrición para a edición 2025 finaliza o próximo xoves, 5 de decembro na web do programa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

Hay cardenales que no creen en Dios. Pero antes de empezar con el tema diré que ya se realizó el primer milagro de Francisco. Alguien puede decirme como 140 señores de promedio 75 años pueden aguantar 5 horas sentados al sol sin hacer 3,14 - 3,14, es decir pipi. Vamos...

“Papa Francisco” – Manuel Domínguez

“Papa Francisco” – Manuel Domínguez

La caridad cristiana, empieza en la propia familia. Hace años escribí al papa intercediendo por dos obreros que habían sido enviados al paro en una Catedral de Lugo, creo recordar Me respondieron ampliamente que el Vaticano no interfiere la gestión de las iglesias. Lo...